As bágoas de sirena

Alén da traxectoria na que anda o proxecto de Lei de Residuos e Chans Contaminados no seu propósito de restrinxir os plásticos dun só uso, na procura última de garantir un modelo económico que reduza o impacto deste tipo de produtos sobre o entorno natural, facendo propio as normas e consellos europeos que impulsan unha medida análoga mesmo cunha penalización tributaria, estudos científicos que veñen de ser feitos públicos destapan o serio dano que lle provocan ás células humanas, especialmente eses microplásticos que se agochan na auga, o sal de mesa ou o marisco que nestas datas cobrará un papel relevante nos menús das entrantes festas do Nadal.


Entre o análise do rigor científico no tratamento da problemática, debe prestarse moi seria atención ás conclusións do traballo titulado “Unha revisión rápida e análise de metarregresión dos impactos toxicolóxicos da exposición de microplásticos en células humanas”, un documento que revisa ducia e media de estudos sobre os impacto toxicolóxicos dos microplásticos sobre a poboación humana e, aínda que non sabemos realmente das consecuencias incertas do dano final por non ter referencias contrastadas do tempo que o corpo humano tarda en excretar estas partículas difíciles de ollar a simple vista, a conclusión apunta claramente ao dano final irreparábel da morte celular, de reaccións alérxicas e da destrución das paredes celulares. Peor aínda, os autores, da Escola de Medicina de Hull York, cren que deberiamos estar moi preocupado porque, neste momento, non existe realmente unha forma de protexernos. Deus nos pille confesados. Non deixa de ser sarcástico que utilice a expresión “bágoas de sirena” para identificar eses microplásticos non superiores ao tamaño dunha lentella, elementos que forman a cerna do proceso da fundición de boa parte dos plásticos que usamos a diario. Certamente, un alcume científico que está nas antípodas da súa orixe na poética romántica de W. Shakespeare: Que poción bebín de bágoas se sirena?. Aquí e agora, bebemos e comemos, contaminantes tóxicos.


É un claro efecto búmerang da irresponsabilidade social. O mar devolve o antes guindado, no proceso natural da cadea trófica que pasa do plancto, ao que chegan pola degradación que produce a súa exposición aos axentes externos, radiación ultravioleta e ozono, á fauna mariña e logo á alimentación humana. Hora é de pór coto, transformando usos e consumo, con materiais máis sostíbeis e menos prexudiciais para o medio ambiente, e para a saúde persoal. Luz vermella.

As bágoas de sirena

Te puede interesar