No labirinto da pandemia

Labirinto, substantivo masculino, é palabra que nos fala dun lugar con moitos camiños que se cruzan no que é moi difícil topar a saída. Por extensión, tamén é expresión dun asunto complicado ou confuso. Velaí un vocábulo que se converte na metáfora máis acaída para reflexionar sobre o estado mundial da pandemia sanitaria que xa suma máis de dous anos de antigüidade. Entre nós, porque é máis que seguro que o andazo deste bicho vén de antes. Un ser invisíbel que só ten unha función sinalada nas súa axenda de tarefas, á de contaxiar á poboación humana do planeta.


Reparemos no enredo do asunto. Un ano despois de que se empezase a inxectar as vacinas contra a covid-19, a máis grande parte do mundo terreal xa “inmunizou” polo menos á metade da súa poboación, pero os países máis empobrecidos seguen estando marxinados e vivindo a súa “segregación racial” polo que as vacinas respecta. Certo é que a consideración de inmunidade do occidente rico debe ser tomada con humor sarcástico vista a falacia da inmunidade de grupo, inmunidade de rabaño polo que respecta á desconsideración coa cidadanía en relación ao concepto veterinario das enfermidades contaxiosas que afectan aos animais que comparte un mesmo recinto, un cortello. Tiremos da retranca galega para situar a cuestión, no vale para máis.


Porén, resulta relevante esa situación do egoísmo e a nula solidariedade mostrada polos países con máis recursos económicos e tecnolóxicos, acumuladores no ámbito privado e para lucro empresarial das patentes, negándose a ceder, aínda que fose só temporalmente, o froito desas patentes que en boa parte son froito das investigacións científicas alimentadas con grandes achegas de diñeiro tirado dos recursos públicos. O panorama resultante é desolador. Medio mundo, o empobrecido, segue esperando unha dose mestres outros ámbitos da xeografía planetaria ollan como se están da poñer terceiras doses.


A desigualdade na distribución das vacinas cobra vidas diariamente e, mágoa diso, segue poñendo en perigo a toda a cidadanía universal. Porque seguimos tendo claro que non estaremos fóra de perigo, e dicir a salvo, ata que toda a xente do mundo estea vacinada. Ou logramos que o proceso de vacinación chegue a todos os recunchos do mundo ou isto non acabará de vez. Véxase o que está a suceder coa última das variantes que ten en vilo, e máxima alerta, á Organización Mundial da Saúde e case preto do confinamento á poboación europea.


Pechar fronteiras ou limitar o tránsito de persoas por vía aérea non é bo camiño. Compartir vacinas, facilitando a produción no lugar da necesidade é o xusto, e tamén o máis intelixente.

No labirinto da pandemia

Te puede interesar