Máis liberdade e máis xustiza

O marco na portela e no Marquiño o radar marca a extrema. É un radar fixo situado na N-630, entre Lavacolla e Curtis, o máis recadador dos coñecidos, con cerca de vinte mil denuncias por ano. Está alí na estrema, entre a velocidade marcada como legal e a que excede uns quilómetros por hora, a calquera hora do día ou da noite. Sitúase no lindeiro, igual que tódolos marcos, dividindo, marcando a raia, como a marca no prado, no monte e na leira.


Os aldeáns da Galicia marxinada, empobrecida e baleirada saben perfectamente que o marco é aquela chanta de pedra cravada no chan para indicar cales son os lindes dunha terra, da súa terra e da terra da veciñanza. O marco é sagrado e quen o move, sen consentimento apalabrado, poida que sexa alguén mal intencionado. Dende o marco para o nacente ou dende o marco para o outro lado é outra cousa, outra terra, outras árbores, outra festa e outra propiedade.


Mover o marco é como romperlle a porta do cuarto ou a da entrada da casa. Ofensa e roubo ao mesmo tempo, espolio, aproveitamento, ruindade infinita e socialmente moi mal sa. Quen sabe onde están os marcos e as estremas no territorio traballado pola técnica e a tecnoloxía? Quen marca os lindes entre as contas de internet, entre as páxinas das redes sociais e entre as redes sociais mesmas?


De quen é aquela leira, compañeiro? De quen? –Antes era de Caroleiro, agora desapareceron os marcos, os valados, as sebes e as paredes e esa terra, aquela leira e o monte de máis arriba son de quen os traballe, de quen os limpe, dos corzos e dos xabarís. As estremas, os lindes e as dimensións márcaas e indícaas esa aplicación informática que o sabe todo. Esa que sabe todo o das leiras, das casas, das rutas e sendeiros, das estradas, dos camiños dos romanos e das rutas aéreas. Esa ou esas aplicacións que se gardan no peto e que se cravan, como un cravo de ferro ardendo, nos miolos da xente para operar e ordenar dende alí.


Xa pouco importan os marcos de sempre, os peches e cerramentos de vargos, as paredes de pedra e as cancelas de madeira do país. Pouco ou nada. A arte está, meus amigos, no control do pensamento, dos soños e dos movementos (tamén os da conta bancaria) de cadaquén. A Tía Manuela desespera con estas cousa, non sabe cal é máis importante, o hardware ou o software? Pero non quere renunciar e non renuncia a soñar con vivir nun mundo mellor e, xa que logo, con máis liberdade e máis xustiza. 

Máis liberdade e máis xustiza

Te puede interesar