A romaría do consumo

As modas importadas, mesmo na linguaxe contaminada polos anglicismos, impoñen ritmos que son cuestionábeis na reflexión racional dun comportamento que debería guiarse polo sentidiño común. Mostra diso é o que na tradución idiomática lineal chamaríamos Venres Negro, Black Friday na expresión orixinal. Romaría do consumo que desde hai algúns anos adoptamos nestes pagos dos territorio ibéricos, chegada, como non, dos Estados Unidos, onde saben mellor que ninguén como facer mobilizar á xente para gastar, mesmo comprar obsesivamente, ata o punto de facer sentir mal ás persoas se non entran nesta dinámica tóxica. O invento este que vén xa da década dos anos sesenta, e dicir que xa leva medio século inserido na inducida práctica daqueles mundos, foi deseñado para levar á cidadanía daquel territorio americano aos comercios unha vez remataron o coñecido Día de Acción de Grazas, famoso e case mítico polo tratamento televisivo e pola recorrencia nos guións do cine por eles producido; un acontecemento que por sorte non ten parangón entre nós, nin falta que fai abofé, que no alén mar celebran o último xoves do mes de novembro; e daquela, co bandullo aínda cheo do menú típico que ten ao pavo como condimento fundamental, nada mellor que facer a súa dixestión percorrendo os centros comerciais. Son así.


Nesa dinámica de asociar vellas tradicións a novos elementos de identidade que faciliten o labor do márketing orientado ao lucro mercantil, a bagaxe que anticipou a esta iniciativa xa contaba co precedente do Papá Noel, a do San Valentín, e a do Samaín que alí chaman Halloween. Daquela, nada estraña que agora sumen o Cyber Monday; o luns cibernético. En definitiva, artefactos de imaxe e publicidade que se converten en atallos para enganchar máis intensamente ás persoas que cren atopar, nestes chamamentos e ofertas, gangas na súa práctica de compra. A cousa non é tal pero si que é capaz de impulsar unha dinámica tan estendida xa na nosa mentalidade de consumidores que agora xa non se limita a días concretos. A cousa xa vai de semana a quincena.


Alén da nosa debilidade polo “fetichismo da mercancía”, desconcerta o nome de Venres Negro que ben podería aludir ao efecto psicolóxico do fenómeno. Mais non é iso. Tampouco unha parvada que se ten difundido a xeito de bulo; lembranza da rebaixa na venta de escravos. Acaso podería ser vaticinio dun Futuro Negro para ese terceiro mundo sen recursos para comprar ren.

A romaría do consumo

Te puede interesar