O BNG do si

|

Ana Pontón emitiu no peche do congreso do BNG dúas ideas importantes: i) “O BNG do si” e ii) “A Galiza en grande fronte a Galiza en pequeno do PP”. Ideas que, por outra banda, presidiron os documentos de debate político e estratéxico aprobados na xuntanza congresual dos soberanistas. A idea do “BNG do si” supón unha evolución substancial, que asume a súa historia de reivindicación social e afirmación nacional, mais recoñecendo (o que non foi pacífico na tradición nacionalista galega) que a experiencia do goberno de coalición BNG-PSdeG 2005-2009 constituiu un chanzo substancial do proceso seguido pola organización até de agora, canda as experiencias dos actuais e pasados gobernos locais. Que o BNG avalíe e recoñeza o labor dos seus pasados e presentes gobernos é moi importante, porque amosa experiencia e lle da seguranza á cidadanía. O BNG do si amosa unha alternativa de goberno en positivo, no ronsel (coas substanciais diferenzas dun a outro país) do PNV e do SNP escocés. Gobernos que foron quen de facer compatíbel a afirmación da identidade nacional cun proxecto autónomo de progreso económico e benestar social. O BNG do si é atender aos que alicerzan o seu soberanismo no identitario e, ao tempo, atender aos que alicerzan a súa galeguidade na asunción dos intereses sociais e económicos do País como referente. Esta idea defendeuna hai anos Anxo Quintana e agora asumiuse sen grandes debates, o que amosa o proceso de madureza do soberanismo galego.


A segunda idea, a da “Galicia en grande” semella vai ser o eixo da acción pública, política e social, do BNG nos vindeiros anos. Somos un País con todos os problemas e vantaxes dun país europeo. Mais sofrimos dun Estado dominado polas elites borbónicas do palco do Bernabeu que nos minoriza e dun Goberno Feijóo que quere aparentar unha-inexistente- xestión solvente, mais que incrementa a nosa débeda, recurta a nosa sanidade e educación públicas e, por riba de todo, non acredita nas nosas potencialidades para construirmos un desenvolvemento industrial endóxeno e sostíbel, unha sociedade avanzada e aberta internacionalmente, un financiamento abondo para os nosos servizos públicos baseado na nosa capacidade normativa e de recadación dos nosos tributos e un autogoberno que garanta políticas sociais, económicas e culturais sen absurdas e moi prexudiciais inmisións de Madrid.


Nun recente artigo o xornalista galego Afonso Eyrè acreditaba na posibilidade dunha Ana Pontón presidente da Xunta no 2024, alicerzándoa na evolución substancial da sociedade galega dos últimos vinte ou vinte e cinco anos. Teño para mín que, tamén, vai ser posíbel pola evolución substancial cara á madureza do propio BNG, que semella aprendeu das súas controversias, malia a dor e conflito que puideron xerar noutrora.

O BNG do si