A Coruña homenaxea a María Casares en 2022 polo centenario do seu nacemento

Xosé Aldea e Inés Rey, ayer en María Pita
|

O Concello da Coruña renderá homenaxe en 2022 á artista coruñesa María Casares, coincidindo co centenario do seu nacemento. A alcaldesa, Inés Rey, gabou a unha “gran muller que tivo enorme relevancia e trascendencia na vida social, cultural e artística na Francia do século XX” e apostou por darlle “o lugar que por xustiza lle corresponde”, destacando aspectos como “a súa loita pola igualdade”.


Rey definiu a Casares, exiliada con 13 anos a Francia, como unha “gran dama do teatro” e lembrou que o Executivo local defende a cultura “como elemento xerador de riqueza” e busca visibilizar a vida e obra de grandes mulleres, tal e como está facendo neste 2021 con Emilia Pardo Bazán, no centenario do seu nacemento.


Programación

As actividades para 2022 inclúen desde cadernos didácticos ata unha biografía en banda deseñada, unha exposición no Kiosko Alfonso, visitas teatralizadas ou un encontro internacional no mes de novembro baixo o título “María Casares. Cen anos de vida”, dixo Xosé Aldea, consultor e xestor cultural especialista na xestión de grandes eventos, quen coordina toda a programación.


Tamén haberá iniciativas vinculadas con Francia e as bibliotecas municipais incluirán outras na súa programación, ademais de estreas teatrais de obras ligadas á figura de Casares nos teatros locais. A comisaria deste Ano Internacional será María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, ensaísta e tradutora e especialista na figura da filla de Santiago Casares Quiroga e Gloria Pérez Corrales.

“Estou segura de que todas as actividades que desenvolveremos permitirannos incrementar o coñecemento sobre María Casares dentro e fóra da nosa cidade, honrar á contribución ao mundo do teatro desta gran actriz, fomentar os lazos e proxectos culturais con Francia e incrementar o coñecemento da nosa cidade no país galo”, apuntou Inés Rey.

A Coruña homenaxea a María Casares en 2022 polo centenario do seu nacemento