O diñeiro público, mellor nos barrios da cidade

Para a cidade é importante que o Concello teña orzamentos en tempo e forma. Máis aínda nestes tempos de crise.

Por iso, no acordo de investidura de Inés Rey, o grupo de goberno asinou o compromiso de iniciar a negociación dos orzamentos no mes de setembro. Pois ben, xa estamos na práctica e non sabemos nada dos próximos orzamentos do Concello.

Chove sobre mollado. Xa o ano pasado, o grupo socialista optou por prorrogar as contas, renunciando a negociar uns novos orzamentos. Unha decisión que, entre outras consecuencias, provocou demoras na aprobación dos convenios coas entidades da nosa cidade e na aprobación do novo Presco.

O Goberno local pode estar paralizado. O BNG desde logo non. Por iso esta mesma semana presentamos as nosas propostas para os orzamentos de 2022.

Propostas e criterios. Porque non nos vale calquera orzamento. Queremos uns orzamentos marcadamente sociais para facer fronte ás consecuencias da pandemia e evitar situacións de exclusión. Uns orzamentos que favorezan o dereito á vivenda e incrementen o investimento para xeración de emprego.

E, por último, queremos uns orzamentos que sitúen os barrios no centro. Porque A Coruña non é só o centro. Preocúpanos, e moito, a situación de degradación que sofren moitos barrios. Hai que mobilizar recursos para facer fronte ao seu declive.

Por iso propoñemos destinar os 15 millóns de euros que o Goberno municipal comprometeu para a adquisición dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería a financiar un Plan de Rexeneración e Revitalización dos Barrios. Non ten ningún sentido destinar diñeiro do Concello a mercar terreos que xa son públicos en vez de atender a cuestións prioritarias que si dependen do ámbito competencial do Concello. Esta para nós si que é unha liña vermella.

Os orzamentos do Concello deben ser unha ferramenta para mellorar a vida das veciñas e veciños. Iso pasa necesariamente pola revitalización dos nosos barrios. A eles ten que ir o diñeiro público e non a financiar o pagamento dunha débeda, a do porto, que o Goberno do Estado si condonou a Valencia.

Por iso o BNG vai presentar tamén unha emenda aos Orzamentos do Estado para que o Estado condone a débeda do noso porto ou costee a transformación dos terreos portuarios por unha cantidade equivalente ao montante da mesma.

O diñeiro público, mellor nos barrios da cidade

Te puede interesar