Adeus a Paco Pestana

Paco Pestana (Castroverde, 1949) viu apagarse a súa vida de xeito inesperado, a finais deste setembro, deixando un baleiro difícil de encher no mundo da arte galega e na memoria dos seus admiradores e amigos, que sentíamos un aprecio fondo pola súa calidade artística e humana, que prodigaba, no primeiro caso, en obras rompedoras dunha orixinalidade inigualable, e, no segundo, chispeaba en fino humor irónico que lle nacía faiscante e amoroso da súa privilexiada intelixencia. Grande pois entre os grandes, deixa en todos os que tivemos a sorte de coñecelo inolvidables intres de ledicia. Paco Pestana, que antes de dedicarse a arte, foi lexionario e mineiro, foi un ser irrepetible, cun corazón de Leo (o seu signo astral) que non lle collía no peito e que estoupaba de xenerosa, mais tamén desmitificante humanidade, que podería ser comparada coa de Groucho Marx . Certamente, ese humor rachador que o caracterizaba pódese atopar tamén nas súas obras escultóricas que estoupan en asombrosas e máxicas formas, cara todas as direccións do espazo,escintilantes de cor e de movimento, áxiles, divertidas, cheas de fermosura convulsiva, como a que quería o mestre do surrealismo, André Bretón. Desta fermosura incrible que se lle disparaba das mans e do maxín ,cando tallaba a madeira e facía ensamblaxes cos elementos máis dispares e humildes, nacían obras xeniais que de pronto, adquirían un énfase e un valor novo, case sacral ou místico, pero dunha relixión do primixenio, do animista, do ancestral e telúrico, que tanto ten que ver coa idiosincrasia de noso. Así o podemos constatar en obras, como “O vixiante entre o millo”, na que , entre penduradas ristras de espigas de maiz, sitúase un home que ergue un enorme e poderoso brazo, como un gardián totémico. Hai pezas súas, de ondulantes e delicadas liñas barrocas que parecen estar feitas para que escoe por elas a pitagórica música das esferas, como a que titula “ A música da lira xa non é futurista” e que semella unha sinuosa i esvelta ave con penacho de cordas musicais. Entre home e paxaro, abrindo brazos suplicantes en cruz e disparando a mente cara o infindo está “ Os travestis tamén choran”. A súa é a obra, dun visionario, de alguén que posue unha imaxinación sin cancelas e que é capaz de propiciar encontros entre as realidades vividas e as que agroman do inconscente e de artellar os elementos más dispares para crear un universo de seres fantásticos, criaturas nas que se funde o humano coas figuracións dun bestiario máxico.. Creador laberíntico, soñador de todos os posibeis e os imposibeis, ergueu extraordinarios e proteicos totems que exhuman unha forza panteísta e dionisíaca da que non está exenta o quebro do humor e que son auténticas alegorías da complexidade da vida e dun Eros fogoso e fecundo creador de formas. Heterodoxo, rachador, anticanónico, descubridor dos segredos da materia, mineiro das belezas agochadas, a súa imaxinación sin fronteiras xa viaxa agora ceibe polos sendeiros do alén.

Adeus a Paco Pestana

Te puede interesar