Carril aspira a consolidar a CIG como primeira forza sindical no seu novo mandato

Carril aspira a consolidar a CIG como primeira forza sindical no seu novo mandato
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na súa intervención desta mañá/EFE/ Xoán Rey

O secretario xeral de CIG, Paulo Carril, renova este sábado o seu cargo á fronte da organización por outros catro anos, un tempo no que aspira a "consolidar" o sindicato como primeira forza en Galicia en afiliados e capacidade de mobilización e a poñer fin ás políticas lesivas dos distintos gobernos cos traballadores.


CIG celebra este sábado o seu VIII congreso no que a única candidatura é a do actual dirixente e que se votará esta tarde, tamén coa nova executiva e a comisión de garantías.


Durante a inauguración do congreso, en declaracións aos medios, Paulo Carril sinalou que entre os obxectivos que se marca a organización para a nova etapa figura dar resposta a unha crise económica e social que xa existía e que a pandemia multiplicou.


Para iso é preciso, sinalou, que tanto a Xunta como o Goberno central poña en marcha un auténtico plan de recuperación económica, industrial, de emprego digno e de defensa dos servizos públicos que garantan o dereito para vivir e traballar en Galicia.


E tamén é necesario, abundou, derrogar a reforma laboral na súa totalidade e non só; senón que tamén hai que eliminar a reforma das pensións e "todas as políticas lesivas" para os traballadores postas en marcha durante os anos de crise financeira e que perduraron.


"Hai que poñer en marcha nova lexislación para que a clase traballadora galega non volva ser vítima da gran estafa que se mantén mediante políticas" que atentan contra os seus dereitos, dixo.


Para lograr estas metas, Carril defendeu que é necesario consolidar á CIG como "a primeira forza" sindical en Galicia tanto en afiliados como en capacidade de mobilización.


"Hai que ser capaces de reforzar a combatividade, a mobilización, para lograr unha saída galega xusta á crise neste momento tan crítico", reivindicou Carril, que destacou o papel "fundamental" das mulleres na organización e apostou por que os marcos de soberanía, de capacidade de decisión de Galicia sexan "unha realidade". 

Carril aspira a consolidar a CIG como primeira forza sindical no seu novo mandato

Te puede interesar