Aparello de compañía

|

Móbil é palabra que, entre moitas outras cousas, define ao aparello telefónico automático e de pequenas dimensións que permite realizar e recibir chamadas desde calquera punto situado dentro da súa cobertura. Sen dúbida, se facemos uso dunha pregunta ao azar, entre as persoas do mundo actual, para coñecer a evocación deste vocábulo con certeza absoluta que esta sería a resposta practicamente na totalidade dos casos. Aínda así, ese matiz que o dicionario inclúe da súa función principal de realizar e recibir chamadas non é o máis acaído á realidade dun tempo no que o aparello é un xeito de navalla suíza coa que se fai de case todo, precisamente menos falar.


Velaí o recente apagamento, perante media ducia de horas, na conexión coas diferentes opcións de mensaxes e das varias redes sociais dese imperante grupo, un outro oligopolio dominante do universo cibernético que non precisa ser nomeado porque sabemos de sobra de quen se trata, trae á reflexión social múltiples aspectos do aspecto negativo que, para o benestar das persoas, representa esa maneira de “patente de corso” coa que operan, coa complicidade de gobernos e institucións internacionais que non saben, ou non queren pór freo a prácticas de dubidosa legalidade, totalmente obscenas e inmorais orientadas ao máximo lucro en favor do seu negocio.


Repárese na intervención perante o Congreso norteamericano que vén de facer unha das enxeñeiras relevantes desta compañía tecnolóxica para contar aos representantes da cidadanía o modo consciente e calculado de proceder deste emporio, similar aos outros do sector, buscando que as e os usuarios manteñan a conexión nesta rede o máis longo tempo posíbel aínda que para iso fagan uso de algarismos que “fomentan a división social, debilitando a democracia, evitando limpar os muros de noticias falsas e mesmo avivando as conversacións sobre asuntos polémicos”, nacidos de actitudes de odio, mentiras e propaganda interesada en crear reclamo.


Obviamente desde a propiedade da empresa negan a máis grande, así e todo algo cheira a podre no asunto.


Sabemos, en base ao rigor dos estudios de hábitos persoais, que unha moi grande parte do uso do móbil crea forte dependencia del, especialmente entre a xente máis moza. Mesmo nomeamos “nomofobia” á patoloxía que explica o medo irracional a saír sen el da casa, ou non levalo sempre pegado ao corpo. O móbil converteuse nun animal de compañía que nos afasta das relacións sociais, illándonos do mundo se non podemos facer uso del. Un grave problema de saúde pública.

Aparello de compañía