Escoitar e interpretar a mirada

Din os que saben e os que saben moito que o cerebro é un dos órganos máis importantes das persoas á hora de tomar decisións. Está situado na cabeza e exerce como se fose o posto de mando, dá confianza ou retíraa, transmite ordes , vixía e, cando é necesario, chora e laiase do que acontece ao seu lado. É un órgano necesario para o funcionamento correcto dos sentidos, dos outros órganos, do home enteiro e da sociedade completa.


Se aquel tal ou aquela outra teñen algo que dicir e se o din con normalidade, os outros entenderán (entenderemos) que aí, nesas cabezas, os cerebros están correctamente equipados. A situación, nese caso, ronda a normalidade ou supéraa e os miles de millóns das súas neuronas accionan correctamente, sen interferencias, e en perfecta conexión con outros millares de neuronas distintas e necesarias. Un amigo, moi competente e tamén periodista, falaba da importancia de cambiar o cerebro de lugar, de ir con el recorrendo a xeografía do país e vertebrando un discurso diferente en cada momento, en cada circunstancia e en cada escenario.


Así, desa forma, moldéanse as mensaxes, labrase como os labradores labran a terra da seara, fanse arengas e alocucións que, noutros puntos e diante doutros votantes, estarían claramente desacreditadas. Os cerebros das políticas e dos seus asesores retórcense, cada día, para agrandar a parroquia, con certezas ou sen elas, coa presunción de quedar ben e, como pensan algúns dos lectores, “non gastar un euro”.


Os partidos políticos, mesmamente e salvando as excepcións, están gobernados por estes cerebros que impiden a convivencia, que perseguen o aplauso continuado e que marchan correndo para a outra esquina, onde os agardan amotinados os homes, os cregos, os obreiros e labregos, os empresarios, os sabios e os que non queren saber nada, as paisanas da redonda, as mestras de escola de infantil, de primaria, de música, de idiomas, de boxeo ou de artes marciais, e tamén os profesores de capoeira, batuca, zumba ou karate. Alí, onde queira que sexa, falan sete falares e marchan correndo sen dicir nada.


Decontado os presentes van para a casa ou para a taberna, miran para a televisión, escoitan e non recoñecen nada do que ouviran. Xa o di a Tía Manuela, “déixaos que falen ou que calen, o caso é poder e saber interpretar a súa mirada”.

Escoitar e interpretar a mirada

Te puede interesar