Lete Lasa anuncia a creación da Oficina de Atención ao Deportista

O secretario xeral para o Deporte, na súa comparencia no Parlamento de Galicia | XOÁN REY/efe
|

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, compareceu a petición propia ante a Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para informar sobre o estado de situación do deporte galego.


Lete Lasa iniciou a súa intervención dando conta dos pormenores do alto nivel en Galicia, destacando os actuais 458 deportistas afectados polos criterios técnico-deportivos para a obtención das condicións de persoa deportista de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base.


O secretario xeral apuntou como o novo marco permite establecer medidas coas que garantir unha “rede mais sólida e ampla de protección e de fomento do deporte alto nivel”, e que contempla un conxunto de medidas como a “Oficina de Atención ao Deportista, que se porá en marcha neste exercicio, as das becas aos deportistas (en 2021 contan cun orzamento de 453.000 euros) ou os beneficios no eido educativo”, apuntou.


Neste punto, José Ramón Lete tivo especiais palabras de agradecemento para os galegos e galegas que participaron nos pasados Xogos de Tokio: “Seis medallas e 10 diplomas olímpicos, e cinco medallas e 15 diplomas paralímpicos, nunha delegación española con 39 galegos e galegas, son os éxitos do noso deporte na elite mundial, uns resultados dos que toda Galicia se sinte orgullosa”, remarcou.


O responsable de deportes avanzou tamén as próximas actuacións no novidoso ámbito dos núcleos de adestramento deportivo especializado que, nas súas palabras, “posibilitarán expandir os programadas de tecnificación, en coordinación co Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), e captar e reter todo o talento deportivo diseminado polo territorio galego”.


Lete Lasa abordou tamén o inicio do novo curso do CGTD de Pontevedra, do que se destacaron os incrementos da presenza do deporte feminino –as deportistas pasan de 45 no curso 2020/21 a 50 do actual– e das modalidades existentes no centro –de 12 na tempada anterior a 14, trala incorporación da ximnasia acrobática e da natación artística–, así como a entrada do primeiro deportista interno con discapacidade.


A última parte da intervención dirixiuse ao análise da situación no actual contexto da Covid-19. O secretario xeral expuxo as medidas aprobadas polo seu departamento, destacando entre outras o funcionamento dos protocolos Fisicovid-DxTgalego, así como as axudas específicas aprobadas pola Xunta de Galicia: 2.000.000 euros para medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial; 4.000.000 euros en axudas directas.

Lete Lasa anuncia a creación da Oficina de Atención ao Deportista