Polo fume sábese do lume

Ardeu o monte, queimárono mellor dito, no corazón da Ribeira Sacra, ás dúas beiras do río Sil con especial e moi grave incidencia na contorna dese territorio que configura o parque xeolóxico e xoia medioambiental que é O Caurel. Catástrofe que abarca a preto de dous milleiros de hectáreas nas que puideron salvarse algúns pequenos recunchos, agora espellos nos que mirarse, formados por árbores propias do país, unha demostración evidente e clara do labor pirofórico que representan as especies foráneas, especialmente o eucalipto e boa parte dos piñeirais. Aínda así, pendentes do resultado das pescudas policiais en curso, semella ser un “ecocidio”, ese tipo criminal non incluído no código legal que constitúe un dos xeitos máis criminosos de atentar en contra da humanidade nestes tempos de mudanza climática e problemas de saúde relacionados con iso.


Esta devastación no bosque galego, a de máis grande impacto nun ano especialmente benigno polas condicións meteorolóxicas que permitiron gozar dun verán marcado polo incremento notábel de chuvias como pola pouca forza do vento e cunha temperatura suave na que apenas o termómetro pasou dos trinta graos de calor, tanto pola súa extensión como tamén pola dificultade para acometer as labores de control e apagado, en boa medida pola crónica falta de medios debida a raquítica dotación de recursos que é responsabilidade da autoridade política, e tamén pola falta de coidado no resto do ano confirmando máis unha vez que os incendios realmente “apáganse no inverno”, e dicir coa limpeza e actuación preventiva; e, por riba, co escandaloso baleirado de auga dos encoros que limitou, cando non impediu, que os medios aéreos fixesen o seu traballo con eficiencia e rapidez. Aínda así, é notábel e de heroico mérito o traballo realizado polas equipas de extinción, malia que finalmente tivo que ser a “nai natureza” en forma de chuvia, procedente das borrascas atlánticas outonais, a que fixese o traballo de raíz pondo fin á queima. Na memoria gráfica do seu impacto visual, fica a gran fumareda que foi visíbel a cen quilómetros, facendo bo o refraneiro da lóxica que asegura que polo fume sábese onde hai lume; e da súa variante inversa, onde hai fume, hai lume. Cousa que vai alén da brincadeira verbal. Velaí a coincidencia coa publicación dun rigoroso estudio científico da Universidade australiana de Melbourne, demostrando que coa queima dos bosques libérase á atmosfera unha gran cantidade de dióxido de carbono, o ancorado no chan do terreo, de xeito que as súas consecuencias poden causar as persoas que o respiren gravísimos problemas de saúde, mesmo anos máis tarde. Asma, ataques cardíacos, diminución da función pulmonar e outras patoloxía. Cousa moi seria.

Polo fume sábese do lume

Te puede interesar