Vendima, para Facenda

|

Antes era o trigo, pero nos últimos anos mutou. Agora, a da sega a que corta polo san é ATRIGA, Axencia Tributaria de Galicia. Non hai moita xente que o entenda e ninguén o comprende, ninguén sabe a razón pola que uns traballan a reo tódolos días e non ven nada das súas colleitas, por farturentas que sexan. Estamos en época vendimiña, na que os vendimadores andan, co corazón encollido, tremendo polos temporais ameazantes, pola bravura do inesperado, pola incerteza de cada madrugada.


Os nosos paisanos que traballan e viven nas ribeiras, que traballan as terras e as vides de tódolos bacelos, teñen medo daqueloutros vendimadores que, sentados nos seus apousentos de recadadores, vendiman, a pesar do pedrazo, e aproveitan tódolos acios. Son os eficaces vendimadores de Facenda, os recadadores das taxas, que non saben nin lles importa a época. Chova ou non chova, estes todos teñen na casa o caldo quente e á súa hora.


Mentres, os paisanos que traballan no agro teñen que mirar para o ceo a cada instante, decidir, proceder, obedecer, pagar e calar. As uvas van para o cesto e do cesto á cuba e a solda, para onde vai a soldada? Vai para eles, dicía Xoán de Mosteiro, ao mesmo tempo que se laiaba anunciando que o único que lles queda aos cultivadores é a espera.


Hai que esperar que se reduza a débeda multimillonaria do Estado e que os tempos cambien, hai que esperar e nada máis. E, hai que confiar en que, algún día, os que aran a terra, os que sementan e cultivan as patacas, as verzas e as cabazas, teñan dereito a probalas. Xa é hora! Os que vendiman para Facenda teñen que comer e beber coma os outros, como os que traballan, como os que estudan e como cada un dos prezados lectores deste xornal. Como tódalas persoas honestas.


Pero, atentos! Cómpre erradicar prácticas ilícitas para aproveitar ben o leite da vaca, as verzas da horta, os cuxos, os ovos, os chourizos e as morcillas de confianza. Ao parecer, con iso da telemática, xa hai, nos viñedos, máis vixiantes expectantes que vendimadores cortando, apañando e recollendo, pouco a pouco.


Pasou o tempo, pasou a romaría e como di a Tía Manuela, “deu o demo coas ovellas”. Moitas delas morreron pola peste e outras viven tolleitas, con eivas de por vida. Os aldeáns, con sosego, seguen esperando que as circunstancias melloren. “Tempo ao tempo”, aínda que se pase a vida esperando, agardando por todo e por nada.

Vendima, para Facenda