Sinxeleza nas maneiras

|

Foi un pracer enorme estar con eles. Son ilustres contertulios e amigos de vello e para sempre. Son emprendedores, camiñantes polos camiños da vida, polos carreiros da experiencia, polos lindeiros da política e polas sendas da amizade e da literatura, da creación, da investigación e do ensaio. Carlos Mella Villar e Carlos Baliñas Fernández andan pola Estrada e por Cerdedo escoitando o falar da xente, vendo o mirar da xente, repartindo bonhomía da que eles teñen.


Sinto ledicia de estar con eles, de aprecialos, de escoitalos e de falar con eles. Son voces da experiencia en todo, na docencia de antes e de agora, na economía de agora e de sempre, na filosofía do que somos e do que aparentamos, na realidade da vida e no transito esquivo entre o ser e non ser nada. Don Carlos Baliñas e don Carlos Mella son amigos de si e son mestres de nós, son auténticos baluartes na defensa desta Galicia maltratada e aldraxada por algúns dos galbáns que andan en funcións gobernamentais.


Estivemos no Foxo e fomos a Vilarchán. Chegamos, paramos, saudamos aos de Quireza, xantamos ben e moi ben atendidos. Estivemos en terras do Lérez, que baixa da serra do Candán, onde a natureza é quen manda. Falouse do divino, do humano e do lobo, do porvir, da confianza e da esperanza. Foi un gusto compartir espazo e tempo con eles, cos Carlos doutos das Terras de Montes, pensadores atrevidos, conquistadores, cada un deles, dos seus propios desexos. Noraboa e moitas grazas, amigos.


Ao día seguinte tocou Salvaterra do Miño. Alí no Condado estivemos, no Noso Eido, con outro amigo que se foi, con Luís Ferreiro, comunista, cantor, ferreiro e canteiro. Un loitador polas liberdades, con audacia e con valentía. Estivemos ao carón da raia e do río lembrando a súa bondade, recordando a súa firmeza e a súa razón. Escoitamos outra vez, e en silencio, o relato das súas andainas polos Ancares, as conversas coas pedras que paredaba e rematamos a xornada co orgullo da súa amizade, levantando moi alto o facho do entendemento.


Sentimos a ausencia imprevista doutro mestre, don Xesús Alonso Montero, un servidor e defensor de tódalas causas dos humildes, dos homes e dos pobos. Sería outra honra, querido profesor, contar co seu falar nesta xuntanza, na que se rendeu tributo á amizade, á sabedoría e á bondade natural e propia dos homes de comportamento normal e sinxeleza nas súas maneiras. Como di a Tía Manuela, “que bonito é”.

Sinxeleza nas maneiras