A factura do malgaste

Malgastar é gasta algo, material ou inmaterial, en cousas que non pagan a pena ou das que non se tira proveito. Este concepto lingüístico marca a fronteira mesmo do seu sinónimo desaproveitar, e vai alén diso para sinalar o efecto perverso dunha acción que ademais ten iso que na economía consideran o custe de oportunidade; e dicir, algo investido nunha cousa que deixa de facerse noutra alternativa e diferente, perdendo así a ocasión de explorar unha opción que puidera achegar outro resultado máis beneficioso.

Daquela, é metáfora ben acaída para cualificar esa experiencia que veñen de propagar, desde os grandes altofalantes de medios de comunicación globais, persoeiros do mundo dos negocios con grandes fortunas e actuacións obscenas, nunha operación publicitaria en base a unha viaxe ao espazo exterior do planeta, cunha duración de escaso tempo, no que fóra da imaxe de marca por eles vendida escóndese a realidade dun despropósito medioambiental pola emisión do maldito carbono que guinda, contra a nosa atmosfera, un foguete antolladizo de nenos ricos que contaxia o seu uso cobizoso entre eles.


Indecencia pública no medio dos efectos dunha mudanza climática indiscutíbel que se ceba na Europa central coa consecuencia do desastre causado polas riadas de auga caída nunha proporción sen parangón, deixando atrás de si un regueiro de traxedia mortal e desfeita de bens e infraestruturas cidadás. Por iso, a visión da viaxe cósmica é un aldraxe á memoria das vítimas, polo efecto dun malgaste, tan innecesario como especialmente gravoso na degradación do clima.


Daquela, a manifestación estratéxica das institucións europeas a prol dunha economía verde, destino de boa parte dos fundos monetarios para recuperarse do burato que representou a inacabada pandemia sanitaria do Covid-19, naufraga á vista do balbordo de adhesión que, pola proxección pública, causa adhesión na opinión da xente eses absurdos viaxes ao espazo foráneo.


Aquí, a realidade vai da queixa que representan os milleiros de sinaturas, entregados á Xunta, contra a estafa da factura de luz, que é máis engano que nunca, un calote que indigna e cabrea a partes iguais, afogando ás familias en plena crise. Intolerábel nun País, o noso, rico en electricidade, que soporta os custos sociais e ambientais de producir a súa alternativa renovábel, hidráulica ou eólica, porén ao revés da práctica cotiá de meirande parte de Estados europeos, non facilita un prezo compensatorio máis favorábel para nós. Hora é dunha tarifa eléctrica galega.

A factura do malgaste

Te puede interesar