Nova oferta estival de hábitos saudables

Varios espazos públicos por toda a cidade convertiránse en instalacións deportivas | quintana
|

Despois da celebración do Día do Deporte na Rúa e da posta en marcha do novidoso programa Coruña no mar, a Concellería de Deportes continúa coa súa aposta pola actividade física e recreativa na época estival coa iniciativa Coruña en forma, un programa de carácter aberto, aínda que condicionado pola normativa sanitaria, participativo, de balde, sen inscrición nin cita previa e adaptado a todas as idades.


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, anunciou a intención do Goberno de Inés Rey de “dar resposta con esta iniciativa á demanda das persoas usuarias das Escolas Deportivas Municipais”, que ven suspendida a súa actividade nas instalacións municipais de xullo a setembro. Sinalou que é unha oferta aberta á cidadanía, coa intención de promocionar a adquisición de hábitos de vida saudables, o abandono do sedentarismo e a ocupación saudable do tempo de lecer.


Espazos públicos

O programa Coruña en forma comezará a funcionar este domingo. A intención é ocupar espazos públicos durante os meses de xullo, agosto e setembro e convertelos en instalacións deportivas. Así, as actividades físicas moderadas ocuparán parques, rúas, paseos e prazas da cidade, sempre baixo a supervisión de profesionais.


As zonas de actividade son o Barrio das flores, miradoiro do Matadoiro, parque de Vioño, parque Europa, praia de Riazor, área canina do parque de Eirís, pista de patinaxe de Durmideiras, San Andrés e a cidade deportiva A Torre.


As actividades programadas de luns a venres son ximnasia aeróbica, taichí, zumba, pilates, ioga, marcha nórdica, maiores en forma e tonificación. Como novidade, nesta edición programaranse actividades durante a fin de semana e aproveitarase a peonalización da rúa de San Andrés para levar a ese punto actividades como roller mix en patíns, axilidade canina, rutas nocturnas ou rutas temáticas en patíns e deporte adaptado.


Tamén haberá polo parque escultórico da Torre de Hércules andainas de ida e volta entre Riazor e Bens, Riazor e a Torre de Hércules, San Andrés e O Parrote, praza de Ourense e parque de San Diego e a ruta dos tres parques (Torre, San Pedro de Visma e Bens).


A información pódese consultar na páxina web. Nesta edición será imprescindible seguir as medidas de seguridade propias da normativa Covid. O número de persoas que poden participar en cada sesión é de un máximo de 15 máis o monitor.

Nova oferta estival de hábitos saudables