A incerteza da inmunización

|

A xente que soporta unha situación de calamidade pública, caso da pandemia actual causada polo Covid-19, ansía contar coa ilusión e certeza de que a adversidade que chegou pola vía do infortunio ten un fin próximo; polo que, se non hai mal que cen anos dure, esta moderna peste colectiva ten as semanas contadas. A tranquilidade psicolóxica das persoas é alimentada pola autoridade sanitaria e política, acentuando esa percepción de luz ao final do túnel, que bota man dun concepto académico: A inmunidade de grupo ou de rabaño. Por iso, o proceso de vacinación en curso é o aval sobre o que se constrúe esa mensaxe optimista de esperanza que, con todo, poder ser máis desexo que realidade.


A comezar polo sarcasmo que supón a utilización dun criterio veterinario, o da inmunidade de rabaño, alén da retranca que podería tirarse da consideración social de submisión e acatamento impersoal co que se comporta o gando nos seus movementos, dentro dun cortello ou leira delimitada e ser relación externa con outros animais similares, que nada ten a ver coa forma en que se relacionan as persoas no actual mundo globalizado no que se produce continuamente o efecto bolboreta: Unha persoa contaxiada nunha localidade chinesa remata por causar unha pandemia planetaria con xente afectada en todo o mundo habitado.


Lembremos, ademais, que as vacinas non poden prever a transmisión, só evitar ou limitar a gravidade da doenza. O ritmo de inmunización é desigual, entre idades e máis entre países, e favorece a mutación con novas variantes resistentes ao fármaco actual. Metamos na ecuación a falsa sensación de seguridade que leva á practica de actividades de contacto que favorecen a propagación de novos gromos que frean aínda máis o resultado paliativo da vacinación.


Porén, o buraco negro da situación é o temíbel escenario dun futuro de persistencia do Covid-19 no que en troques da inmunidade grupal, realmente non podamos ir alén do control funcional da pandemia. Lucro asegurado para as farmacéuticas que continuarán a facer negocio privado dun contaxio endémico, no que as persoas máis desfavorecidas seguiran privadas dos efectos da inmunidade por esa negativa a compartir patentes e coñecemento. Unha bomba de reloxería para toda a humanidade, nun mundo no que xa non existe fronteira que impida a circulación do virus. A continuación do sistema actual, que dá prioridade ao particular sobre o común, é un suicidio colectivo. É así de bárbaro.

A incerteza da inmunización