O patriotismo de Alfonso Paz-Andrade

|

De súpeto morreu Alfonso Paz-Andrade, transitando a contorna dos seus 80 anos, despois de facer moitas cousas boas a prol da lingua, da cultura e da economía deste seu, deste noso País, malia que nos seus últimos anos enfrontase problemas xudiciais que non foron nunca resolvidos a medio dunha sentenza definitiva pola súa morte accidental. Porén, o relatorio definitivo de feitos probados amosou a súa falla de participación na lea da conspiración delitiva do presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa Faro. Probábelmente-e vai ser éste a única e razoada crítica ao finado Paz-Andrade neste artigo- Alfonso nunca chegou interiorizar a remuda das regras de xogo entre unha empresa cotizada no mercado de capitais e unha empresa partillada entre distintos socios e grupos familiares que non cotiza na Bolsa. Non se lle pode referir máis nada.


Mais, sen deixar Pescanova, cómpre lembrar ao Paz-Andrade de 2006, que rexeita a ofensiva de Fernández de Sousa contra o goberno de coalición BNG-PSOE por mor do desaquelado proxecto deste a respecto da factoría acuícola de Touriñán, logo fracasada na localidade portuguesa de Mira. Custándolle este enfrontamento a súa privilexiada posición na empresa, probábelmente. Ou a súa diplomacía a prol de Pescanova (aquel que non ten nin tiña Fernández de Sousa) para acadar recursos pesqueiros no mundo todo, nomeadamente na África.


Porque co seu sorriso, dende a súa galeguidade, dende a súa cultura local e universal e co seu xorne liberal Alfonso abriu portas para Pescanova. Mais tamén para o noso país, Galicia. Velaí a súa achega de tantos anos á revista Industrias Pesqueras que fundou o seu pai, D. Valentín. E o seu esforzo que definiu a conversión de Vigo como capital galega e europea da pesca á fronte da World Fishing Exhibition.


Trabúcanse os que pensn que Paz-Andrade non desenvolveu proxectos empresariais liderados maioritariamente por él propio. Velaí a súa empresa Ibercisa Deck Machinery que, como nos lembra o profesor da USC Gonzalo Rodríguez, naceu da expansión da flota pesqueira galega da mán de Pescanova, mais que con 25 M€/ano de facturación, é hoxendía unha empresa dirixida aos mercados internacionais líder en maquinaria naval de cuberta. Creada, desenvolvida e dirixida dende Galicia. Alfonso, ademáis, contribuiu con todos os seus esforzos, dende proxectos como as Fundacións Castelao ou Neira Vilas, dende o Museo do Pobo Galego e dende moitos outros lugares a afortalar a nosa cultura e normalizar a nosa lingua.


Un País como Galicia non pode esquecer e ha sempre recoñecer o labor de Alfonso Paz-Andrade, como lembra e recoñece o labor do seu pai, D. Valentín.

O patriotismo de Alfonso Paz-Andrade