A neutralidade climática

Para situar o asunto, lembremos que o concepto medioambiental de neutralidade climática expresa a estratexia pola que se busca que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro cheguen ao punto de equilibrio, e mesmo que sexan inferiores, ás que se eliminan a través da absorción natural do planeta. É dicir, significa que reduzamos as emisión causadas polo actual modelo económico e industrial dominante, facendo iso a través da acción climática global. Velaí, no plano dos compromisos políticos solemnes, o acordo que vén de tomar, por notoria maioría de votos a favor, o Parlamento Europeo aprobando a Lei do Clima que eleva o obxectivo de redución das emisión para as próximas décadas, co propósito de acadar a neutralidade climática na metade do século que está a correr. Certo é que, alén da impresión de boa decisión, o acordo é pouco ambicioso para o estado real de quentamento global do planeta e de mudanza climática. Na reviravolta do procesa está a postura negativa a respecto da imposición vinculante para aos Estados membros que finalmente asúmese, nos primeiros anos, de xeito colectivo para non provocar a desbandada dos países que aínda dependen radicalmente da utilización do carbón.


Fica por ver o efecto da súa posta en práctica, das múltiples modificacións legais que deben implantarse na lexislación comunitaria e na modificación de usos da terra e da silvicultura que deberá tirar do insuperábel traballo das árbores e bosques para eliminar o carbono maligno. Para vixiar o proceso, á marxe dos responsábeis institucionais e autoridades políticas, constitúese un Consello Científico Consultivo sobre Cambio Climático, quince expertos que se deben conxurar para fiscalizar se existe coherencia entre os obxectivos climáticos e as política desenvolvidas para acadar esa meta. Iso si, a representación portuguesa na súa función de presidencia de quenda da Unión Europea, asegurou que con este visto e prace da Eurocámara, operarán con rapidez.


Urxe actuar. Os efectos do cambio climático vanse facendo cada vez máis visibles e esténdense a cada nova catástrofe, máis e máis, no espazo, no tempo e na intensidade. Vivimos temperaturas extremas, secas, fortes choivas, inundacións e corrementos de terra que non deixan á marxe os espazos e terras europeas. O aumento do nivel do mar, a acidificación dos océanos e a perda de biodiversidade son outras das consecuencias desa mudanza acelerada do clima planetario. Para limitar o quentamento global a 1,5 graos, o máximo nivel seguro, é esencial neutralizar o carbono.

A neutralidade climática

Te puede interesar