A revolución reprodutiva

|

Poucos días atrás, os medios difundiron o anuncio das autoridades chinesas relacionados coa súa decisión de relaxar as medidas de planificación familiar, permitindo aos seus cidadáns ter un terceiro fillo, despois de que as cifras do censo publicadas nos últimos tempos puxesen en evidencia unha acusada redución da taxa de natalidade naquel territorio oriental que se caracterizou pola estrita política de fillo único, cos seus innegables problemas, acordada en 1979 para mitigar o crecemento descontrolado da poboación, vixente até 2015 na que se autorizou xa, ás familias, o nacemento dun segundo fillo. Agora, a dirección política deste espazo xeográfico, manifesta que tomou esta nova decisión, a do terceiro fillo, co obxectivo de “mellorar a estrutura da poboación” do país, así como “responder de maneira activa ao problema do envellecemento”.


Reman contra corrente sumándose a esa moda que campa, nos últimos tempos, coa ideoloxía de ideas que empurran á considerada taxa de reposición, de natalidade e familia tradicional, pola que esixen ao Estado medidas para facer fronte a ese suposto inverno demográfico e, con todo, son cousas que se afastan radicalmente das operacións institucionais para situarse no contexto do momento económico e social, coa crise de emprego e negra perspectiva de futuro. A inutilidade das proclamas pode verse, de preto, na experiencia galega do plan de dinamización demográfica que, malia conter no preámbulo da iniciativa legal do Parlamento, aprobada fai dez anos, nada medos que unha corentena de veces o obxectivo de “reverter o envellecemento da poboación” a cousa vai a peor, perdendo ano tras ano cota. Iso si, na media de densidade, imos destacados.


Así as cousas, é hora de prestar atención a bautizada como Teoría da Revolución Reprodutiva, un enfoque teórico da transición demográfica e o envellecemento da poboación que nos permite comprender as consecuencias positivas da actual dinámica demográfica. No lugar de considerar un problema as tendencias ao envellecemento e diminución da natalidade, fan dese escenario un ronsel de implicacións positivas. Ensínannos, desde esa ollada alternativa, que a sociedade non ten un “problema demográfico” senón de distribución, cuxa solución polo tanto si que é política. Véxase como, con incremento case que exponencial da expectativa de vida, practicamente multiplicando por tres esa mesma referencia a comezos do século pasado, a poboación mundial está no límite da súa capacidade de sustento. Polo tanto, non se trata de ter máis fillos, senón de mellorar as condicións dos que xa se teñen. 

A revolución reprodutiva