Lucro caído do ceo

Caído do ceo, a xeito de maná milagreiro, é alegoría bíblica que nos fala dunha especie de pan de anxos co que a providencia divina alimentou ao errante pobo xudio na súa travesía polo deserto na mítica viaxe á procura da terra prometida. Daquela, esta expresión é utilizada para sinalar os beneficios e réditos que xorden de forma inducida por decisión e procedementos que van alén do que resulta lícito e xusto. Tamén dos golpes de fortuna e regalías. Unha metáfora que rematou por incluírse no vocabulario dos negocios, a partir da súa expresión inglesa, windfall profit, algo referido a ese aproveitamento que vén co vento, consideración ben acaída para cualificar á invasión eólica que ameaza ao territorio galego, por terra e mar, cos novos proxectos amparados polos gobernos de aquí e de acolá. Lucro caído do ceo a favor do oligopolio das eléctricas.


Un tema que vai collido da man, no tempo, co novo proceso de encarecemento do prezo da luz consumida nos fogares, e nas empresas, a partir dunha tarifa variábel por franxas horarias que está a producir un certo, lóxico e razoable balbordo á hora de difundir consellos para paliar o custo final dun recibo da luz que é un absoluto galimatías á hora de interpretar o seu contido no que suman potencia, consumo, impostos varios, sobrecarga por factores alleos ao uso doméstico en si, tal é o caso dos custos de transporte e unha manchea de dádivas ás empresas enerxéticas que, a ollo de bo cubeiro, foron impoñendo os sucesivos gobernos de quenda, beneficiarios últimos desa práctica de portas xiratorias que, de maneira obscena e totalmente inmoral, enchen os consellos de administración do sector con persoas que precisamente ocuparon os cargos e responsabilidades ministeriais no momento en que se adoptaron decisións, promoveron leis e tomaron acordos favorables a o interese mercantil das devanditas corporacións. Entre eles, atópase esa permisividade que acuñou o concepto de “beneficio ou lucro caído do ceo” co peculiar sistema de poxa de diferentes fontes enerxéticas, facilitando unha retribución polo custo da máis cara de maneira que nos últimos doce anos dobrouse o prezo por quilovatio. Descarado.


Porén, toca mobilizarse par expresar o rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico, propio do trato dado ás vellas colonias imperiais, no que o custo económico, social e medioambiental de producir una enerxía que será exportada fóra non representa beneficio algún para nós. Precisamos unha política ecolóxica galega ordenada. Abofé.

Lucro caído do ceo

Te puede interesar