“Se para forzar unha política teño que esperar diante do despacho dun concelleiro, fágoo”

|

Éun só, pero iso non lle impide a César Santiso plantar cara ao Concello para tratar de que, desde o seu posto na oposición, o programa de Esquerda Unida para A Coruña saía adiante.

—Hai un ano, parecíalle dífícil que Esquerda Unida entrase en María Pita?

—Non nos cansamos de repetir que foi un fito histórico. Levamos unha inmensa alegría, e neste ano no Concello estamos a facer un traballo que cremos que a cidadanía está empezando a ver. Chegamos a María Pita cun eslogan que era \“outra política é posible\” e cremos que estamos cumpríndoo. Gústanos fomentar e promover o diálogo porque así se poden lograr moitas cousas como así sucedeu nestes meses, nos que fomos capaces de chegar a acordos.

—Eses acordos co PP valéronlle a crítica dalgún dos compañeiros da oposición.

—Cando falan sobre este tema utilizan con moito \“rintintín\” o de \“a ver como consegues ti iso\”... E é moi sinxelo: \“Se a montaña non vai a Mahoma, Mahoma vai á montaña\”. Se para forzar que o goberno local desenvolva unha política teño que esperar diante dos despachos dos concelleiros fágoo, se iso supón un beneficio para a cidadanía. E tamén importan á hora de negociar as formas, porque algúns utilizan sempre as malas verbas e a crispación como maneira de facer política. Non é de estrañar que uns consigan cousas positivas e outros non.

\“É moi difícil que os tres grupos da oposición presentemos propostas conxuntas\”

—Cando fala de que algúns empregan malas verbas, refíreese ao PSOE e o BNG?

—En xeral a todos, o goberno e a oposición. O primeiro pleno realmente no que houbo debate tiven que chamar tres veces a atención tanto ao portavoz do goberno municipal como á portavoz do principal partido da oposición polas maneiras que se estaban levando no pleno. Parece mentira que pasado todo este tempo, sigan nese tono de crispación. Eu ás veces penso se estamos nun pleno ou na cancha de fútbol.

—Houbo algún concelleiro que non o recibira?

—Ata o de agora todos, cando insistimos para ter xustanzas, conseguimos encontros con todos eles. Ben é certo que aínda temos aí algúns temas pendentes de falar e de resolver. Pero en principio, non temos queixa de ningún concelleiro en especial porque non nos atenda.

—Cales son eses temas?

—Son varias cousas importantes que todavía estamos falando como é o caso da dependencia. Nós estamos constantemente tentando resolver problemas. Estamos lanzando propostas construtivas que non teñen porque ser aceptadas ao cen por cen polo Concello. A política non é buscarlle sempre a parte negativa ao que fai o goberno municipal. Independentemente de que cando fan algo mal, que o fai moitas veces, o denunciemos.

—Tivo a sensación nalgún momento de que polo feito de ser so un único concelleiro non o tomaran en serio?

—Non, en absoluto. Si é certo que o labor de ser un concelleiro é moi dura. Un non se dá de conta do que supón ata que se atopa precisamente na pel. Lévame un montón de horas a actividade política que non vós podedes imaxinar. Eu que defendo sempre unhas inmellorables condicións laborais e resulta que estou traballando a destaxo...

—Por que non presentaron os tres grupos da oposición ningunha proposta conxunta?

—Porque é difícil. Cada un ten as súas propostas, e parece ser que cada un quere sacar o seu rédito partidista. Nós sempre estamos considerando que sería bo acadar posturas conxuntas. Si que temos levado bastantes posturas comúns, aínda que non nunha moción común. A realidade é que cada grupo ve a vida política dunha maneira e achega unha serie de propostas diferentes.

\“O erro máis grave do PP foi basear a súa acción de goberno en mirar constantemente para atrás\”

—Pero se fosen da man non cre que poderían facer máis forza?

—Por suposto, a unión fai a forza. Unha fronte de esquerdas é demandada pola cidadanía, e en cuestións nas que coincidamos plenamente é importante porque estamos diante dunha situación de crise, loitando contra uns valores neoliberais. O problema é, todo o mundo defendemos a loita contra eses valores neoliberais?

—Está agora mellor A Coruña co PP ou antes co bipartito?

—Realmente a situación é moi difícil de comparar por un parámetro importante, que é a crise económica. Nós pensamos que as diferenzas non son moitas. A labor desde goberno municipal é unha labor continuista co que xa había. Están faltando a súa promesa electoral. O eslogan do PP era o cambio e aquí non existe tal cambio. Parte do que se está a facer son obras pendentes por parte do bipartito.

—Negreira non está a cumprir o seu programa electoral?

—Nin moito menos. Tanto no Estado, como na Xunta ou no Concello, o PP viña cunha máxima: que ía loitar para reactivar a economía, para loitar contra a crise económica e que ía xerar emprego. Esa foi a mensaxe que transmitiu á cidadanía e moita xente depositou a súa confianza no PP precisamente por esa afirmación. Pasou un ano neste Concello e as políticas activas para a creación de emprego son nulas.

—E o caso dos coches oficiais, non é un cambio na forma de facer política?

—Unha cousa é a capacidade de xerar propostas a prol da maioría social, onde o goberno municipal do PP está falto de ideas e as súas achegas para mellorar a calidade de vida dos veciños son nulas, e outra son as dinámicas do Concello, que si é certo que cambiaron. Observamos que se tratou de evitar gasto superfluo co tema dos coches, dos pinchos,...

—Apoia a venta dos sete vehículos?

—Si, pero con matices. Isto é correcto, pero o Concello estáo a empregar como unha cortina de fume para non entrar a debater a inacción que está tendo nos eidos que máis demanda a cidadanía.

—Cal foi o erro máis grave do Concello neste ano?

—Basear a súa acción de goberno en mirar constantemente para atrás, compararse co que fixeron os anteriores, en vez de mirar cara adiante e cara o longo prazo para solventar os problemas dos coruñeses.

—Visto o que pasou neste último ano, ten opcións Esquerda Unida de entrar no Parlamento galego nos próximos comicios?

—Non cabe dúbida. Os datos que temos, que son aínda de enquisas moi pequenas, din que haberá representación de EU-Os Verdes no Parlamento de Galicia nas seguintes eleccións, e pode que por dúas provincias: A Coruña e Pontevedra. Os datos en andalucía e, en menor medida, os de Asturias, demostran que somos unha forza en constante crecemento. E que cando estamos nas institucións non nos endiosamos.

“Se para forzar unha política teño que esperar diante do despacho dun concelleiro, fágoo”