O corazón sospeitoso de Paz Andrade

O corazón sospeitoso de Paz Andrade

Diagnosticáronlle un corazón sospeitoso e mandárono repatriado a España procedente da Guerra do norte de África cun informe que o tildaba de \“inútil\”. Paz Andrade saiu da fronte coa condición de inválido para loitar con armas e pasou que a súa minusvalía foi un regalo para o país porque lle permitiu nadar en liberdades durante catro anos nun tabloide que Paz Andrade titulou \“Galicia. Diario de Vigo\”, e que saía por vez primeira á rúa un 25 de xullo de 1922.

Pode que fose no Hospital Militar da Coruña, no que o intelectual pasou ingresado un tempo por mor do seu mal, onde artellou o plan co seu amigo Manuel Antonio, con quen compartiría habitación. Quizais desde a cama daquel centro sanitario, os dous compañeiros pensaron na prensa como o medio idóneo para menear o país e cambiar as cordas que movían os medios de comunicación facendo prevalecer a información por riba de calquera interese.

A mostra inclúe as notas que Paz Andrade lle enviaba a Manuel Antonio e moito material inédito

A Fundación Barrié vén de recopilar en \“Galicia do Galicia\” unha serie de documentación, moita dela inédita, sobre o xornal. Pescudada na Real Academia Galega, o museo de Belas Artes, a Colección Novagalicia Banco e coleccións particulares, ademais dos manuscritos que Manuel Antonio conservou e as notas que Paz Andrade lle enviaba para encargarlle críticas ou alertarlle de posibles artigos. Aquí está a máquina de escribir desde a que o intelectual disparou modernidade, as fotografías de quenes lideraron este proxecto e parte dos exemplares.

O intelectual fixo primar así a opinión, pero non a que vén de determinados bandos políticos senón a propia de cada quen que colaborou para facer grande a cabeceira que hoxe segue a ser exemplo de calidade informativa. Dicíao o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Pola súa parte, o comisario da exposición, Xosé Luís Axeitos, comparaba o xornal cun andamio sólido desde o cal se podía otear o país porque Paz Andrade introduciu os conflitos de tipo social e colocounos nun lugar preferente para ser o primeiro que incorporou a economía como elemento de identidade nun formato xigante que equivalía a 24 follas das de agora nas que se respiraba un toque internacional. A exposición concentra a través de pantallas moitas das misivas coas que alertaron á sociedade galega da realidade. Paz Andrade falaba da necesidade de exportar os viños galegos, das malas condicións dos traballadores do mar que poñían a súa vida en perigo e que agora tiñan que soportar o abandono dos seus irmáns, e da resaca autocrática que se cocía en Europa e que ameazaba con rachar toda a canteira de rapaces. Leña verde que tiña moitas cousas que facer por Galicia.

O compromiso que asinou mentalmente co país levouno a pasar preso no cárcere quince días. Contrario á ditadura de Primo de Rivera, a mostra conta como foi apresado pola publicación do artigo \“O tren dos Pirineos\”. Encadeárono dúas semanas e este acontecemento suscitou en Vigo unha protesta xeneralizada que se traduciu na dimisión dalgúns xornalistas e na folga das artes gráficas.

Estadía no cárcere > O seu apresamento tivo tal repercusión que ata o colectivo de tranviarios iniciou unha colecta. En troques, o seu paso polo cárcere non impediu que Paz Andrade seguira facendo país. De que maneira? Pois publicando en galego. Ademais, \“Galicia\” foi unha plana que antepoñía as caricaturas de Castelao para verter parte da crítica social daquel tempo nun espazo pequeno, que segundo o pontevedrés \“era o primeiro ao que o lector botaba o ollo\”. Desde a mesma tipografía da cabeceira había compromiso. Ferrín contaba que o investigador quixo para rotular \“Galicia\” a letra que pensara Castelao como autóctona, inspirada nos dinteis do Pórtico e coa que titularían moitos escritos nacionalistas.

Neste aspecto, non podía haber outra que encaixase mellor na parte superior dun xornal que sacou á luz a metade da obra gráfica de Castelao. Os debuxos de Alfonso Daniel pasaron a ser parte importante porque a ironía do rianxeiro servía de contrapunto nunha editorial pola que pasaron as mellores plumas do momento. Desde Manuel Antonio, Vicente Risco, Antón e Ramón Villar Ponte ata o mesmo Luís Ksado.

Dicía o xornalista Bernárdez no 24 despois de entrevistar a Paz Andrade que el se encargou de buscar portos seguros para que Galicia atracase.

O seu fillo Alfonso sinalaba onte que Valentín era agora unha figura tutelar porque \“nestes tempos en que Galicia ten que reivindicar o propio e o seu\” el pode amosar o camiño correcto. Porque o pensamento que compartiu Paz Andrade e outros coma Castelao, Díaz Pardo e Blanco Amor \“ha de ser o que nos marque ese vindeiro xa que Galicia leva feito moito pero aínda queda moito por loitar\”.

Indicaba Axeitos que a atracción máxima deste home foi que ademais de ser un orador magnífico, promotor de empresas e experto en economía, nunca deixou de ser xornalista. Demostrouno nos 12.000 exemplares que saíron da rotativa de \“Galicia\” pero tamén coa súa vida. As claves están nas páxinas que descansan en vitrinas. Con anotacións ás marxes. Elas son documentos libres.

O corazón sospeitoso de Paz Andrade

Te puede interesar