“Hai que investigar o Conde de Fenosa e marcar co dedo aos responsables”

“Hai que investigar  o Conde de Fenosa e marcar co dedo aos responsables”

A voltas coas sentenzas urbanísticas de Someso, os datos do paro supoñen outro mazazo para a cidade. Santiso pensa que Negreira está carente de ideas para saír da crise, mentras pide máis dureza contra os responsables de todos os custos que terá que pagar o Concello por litixios urbanísticos, en especial, a sentenza que obriga ao derribo do do Conde de Fenosa.

—Nos orzamentos hai un millón de euros para cursos de emprego, é suficiente esta medida para loitar contra o paro?

—Esa medida non é suficiente, ademais de ser a demostración das poucas miras deste goberno municipal en canto á loita contra o desemprego. Chegaron a María Pita prometendo que ían crear emprego, pero non tiñan nin idea de como facelo.

—O PP pon como exemplo de reactivación económica O Parrote, está de acordo?

—Iso é a constatación de que o goberno municipal non sabe o que significa o cambio do modelo produtivo. Do único do que saben é do modelo do ladrillo e do formigón. Non fan máis que investir en infraestruturas, e non se dan conta que todas as infraestruturas que non estean relacionadas directamente co tecido produtivo e, obviamente, o soterramento do tráfico no Parrote non o está, non son rendibles en termos de xeración de emprego.

\“O PP chegou a María Pita prometendo que ía crear emprego e non ten nin idea de como facelo\”

—Advertía hai uns meses que o plan do párking e o túnel podería acabar nos xulgados, pero, polo de agora, parece que vai saír adiante tal e como estaba previsto...

—Pero iso é o que pasa sempre. Cando un decide tirar para diante, o cal parece bastante imprudente, os efectos vense despois. Cando chegue algún día un cidadán ou un colectivo que vexa como é a situación, e se lle ocorra denunciar, logo podemos atoparnos con situacións como a do Conde de Fenosa. Despois virán as lamentacións, empezarán os dedos acusadores. Ao final, o político sae de rositas e a cidadanía ten que facer fronte a un custo enorme.

—Van alegar contra o proxecto que está a exposición pública?

—Non temos previsto facer ningún tipo de alegación por unha razón obvia: o goberno municipal ten tomada unha decisión e dispón de maioría absoluta para levala adiante. Nós somos os primeiros que non queremos seguir vendo o burato do Parrote porque é unha vergoña para a cidade. Queremos que se faga e, se logo esa inseguridade xurídica que existe trae consecuencias tristes para a cidade, que pode pasar, pois, polo menos, que se tape o burato. Non podemos facer nada. Esas alegacións o único que fan é bloquear máis o proceso.

—Para consecuencias \“tristes\” as de Someso...

—Todos os cartos que se perden en litixios deberían ter un custo político elevado a aqueles que promoveron esas obras. Como a caixa pública é de todos parece que a ninguén lle doe.

—Debería ter esperado o Concello a ter todas as sentenzas antes de empezar a pagar os 8,16 dos cinco autos do Tribunal Superior de Xustiza?

—Non, porque a sentenza obriga ao seu cumprimento. Xa tiñan que estar dotados orzamentariamente, cousa que non fixo nin o bipartito nin o PP. Que imaxen –e xa o estamos facendo no Conde de Fenosa– transmitimos a cidadanía se o poder xudicial non cumpre?

—O PSOE pensa que é unha contradición pagar por un lado e recorrer por outro.

—Está claro que o goberno municipal ten que defender os intereses da cidadanía. Temos que utilizar os recursos legais que están ao alcance do Concello para intentar asegurar os intereses da veciñanza, neste caso, facer o pagamento de todos estos recursos e empregar as vías legais pertinentes, pero sen chegar ao esperpento do Conde de Fenosa, no que se están empregando todo tipo de triquiñuelas legais para aprazar a execución dunha sentenza.

—Que lle parece que o alcalde diga que vai ser un proceso longo?

—Xa leva moitos anos, e é unha situación moi grave. O que pedimos é que aos culpables do que está pasando, que se sabe quenes foron porque foi unha licencia ilegalmente concedida, que se permitiu á empresa facer o que fixo, hai que pedirlles responsabilidades políticas e, se corresponde, administrativas e penais.

—Aposta por outra investigación como en Someso?

—Si. Ademais, os resultados desa investigación deberían ser públicos. Os coruñeses teñen que saber quenes, cando, como e onde fixeron o que fixeron e por que o fixeron. Hai que marcar co dedo aos responsables e que a xente saiba que tipo de políticos temos. Iso é transparencia, e o demáis son brindes ao sol.

“Hai que investigar o Conde de Fenosa e marcar co dedo aos responsables”

Te puede interesar