Miseria da prosperidade

É indiscutíbel que existe unha evidente diferenza entre a economía que crea riqueza e a que se aproveita dela, explotándoa. Para facer visíbel esta afirmación, a xeito de alegoría, digamos que coa actividade da primeira amplíase a parte dun ración de comida dispoñible para todas e todos, mentres que a da segunda dedícase a quitarlles talladas da mesma uns para darlla a outros. Isto explica, de xeito moi simplificado, o crecemento da desigualdade nas últimas cinco décadas nas que, ollando para os datos estatísticos e multitude de estudos rigorosos, o dez por cento máis rico e, sobre todo o un por cento, non deixou de distanciarse respecto da maioría social que menos ten, especialmente da metade que roza os niveis de pobreza ou pobreza extrema. Medio século dunha xigantesca transferencia de riqueza que non parou de incrementarse, e continúa a selo malia pandemia sanitaria do Covid-19, nun comportamento obsceno e indecente pola tolerancia dos poderes públicos, formalmente nacidos de procesos democráticos que beben do voto popular que, traizoado, ve como se favorece aos vampiros que subtraen a súa renda necesaria e xusta.


Vivimos no capitalismo feudal no que os beneficios e rendas privatízanse no entanto a perdas socialízanse para ser cargadas ás costas do público, de xeito os grandes ricos nunca perden. Velaí a reflexión do filósofo francés, Pascal Bruckner, falando do capitalismo feudal no seu libro “Miseria da prosperidade”, anterior ás crises que soportamos nos últimos tres quinquenios, para sinalar que actualmente raíña na economía unha “monarquía de directores xerais” para os que rexe unha moral que non se aplica ao común dos mortais. Unha moral hipócrita que di sustentarse nos méritos como principio cando neste capitalismo o diñeiro non ten que ver co mérito, capacidade ou habilidade persoal senón co desexo de poder e avariciosa apropiación da riqueza.


A economía global camiña na dirección dun modelo de elite rendeira consistida polos gobernos e que no fai senón afondar na fenda da desigualdade, creando un clima de malestar social fronte a un sistema que non para de violar as súas propias leis formais, enxalzando a competencia mentres fomenta os monopolios, proclamando o valor da transparencia cando non fai nada contra os paraísos fiscais, consentindo aos ricos do un por cento da poboación e ás grandes corporacións á vez que machuca a impostos á clase media e ás pequenas e medianas empresas. Falaz premisa que sitúa na eficiencia da competencia mercantil o mecanismo regulador aínda que se realmente os mercados impuxeran unha disciplina, as persoas que traballan duro non serían pobres e, pola contra, os especuladores non serían ricos. Mundo inxusto que debe mudar de raíz. 

Miseria da prosperidade

Te puede interesar