Lois Cid, na galería Monty4

|

Na galería Monty4 expón Lois Cid (Ourense, 1993), Técnico Superior de fotografía pola EASD Antonio Failde, graduado en Belas Artes pola Universidade de Cuenca e Máster de Fotografía pola Royal Academy de Amberes. A mostra, que leva por título “Estruturas de fusión” , recolle en fotografías en branco e negro, impresas en papel de pedra de carbonato cácico, recunchos de zonas de Amberes, en especial o Linkoroever, nos que se amorean materiais de derribo: restos de cemento, pedras, aramios, area... de edificacións baratas. Arredor deste refugallo desordeado tece él toda unha reflexión dialéctica que, ao tempo que da testemuño de caducidade, de impermanencia e do poder destrutor do tempo, propón novas formas, novos xeitos de refacer esta desfeita, de reutilizar os materiais e de ollalos con mirada creativa, como quizais o faría un escultor. De aí ese título de Estruturas de fusión, pois, si por unha banda recolle aspectos do desorde e do caos, por outra establece un contraponto con certas maneiras de xeometría, algunhas accidentais ou implícitas nos mesmos materiais e outras creadas pola manipulación que él fai dos tales. Así, por exemplo, hai unha foto na que, sobre un chan de areas e refugallos informes, coloca de esquino un papel cuadriculado, probablemente dos que se usan para proxectos arquitectónicos, con pedriñas enriba, de maneira que se sinte o diálogo, mesmo a súplica dos pelouriños por participar en novas e posíbeis arquitecturas. Noutra foto, o diálogo dase entre o plano horizontal e o vertical, pois ergue sobre o poerento solo filas de delgados arames que poden recordar a antropomorfos camiñantes, mais que tamén serían dignos do uso da liña que fai Paul Klee. Hai fotos con incitacións escultóricas, como na que recolle o enguruñado bulto dunha áspera tea asfáltica que se usa como aislante de teitos, ou na que unha vella máquina de ferro evoca o ollo á espreita e o poderoso pico dunha ave de presa; e, mui especialmente, aquela na que o obxecto enfocado é un vaciado de formigón, feito por él mesmo, dun pedazo de aislante de porispán e que, ergueito nun recuncho de desbotados tablóns, trae suxerencias dunha posible e esbelta columna abstracta. E evidente que Lois Cid observa a realidade da ruina con ollos metafísicos, que sinte latexar a materia ainda que sexa pobre e adiviña as súas moitas posibilidades, mesmo que se deleita con este achegamento que non é só visual, senon táctil, diríase que escoita mesmo o berro da inevitable erosión, o “panta rei” heraclitiano (todo flue, nada prmanece) e busca piadosamente argallar outras feituras para lle dar unha nova vida a eses restos, aínda que tamén estén condeados á morrer. Escrebe, así, a eterna historia do ser e do non ser, con arames, con pedriñas e cos enfoques da súa cámara e, con ollos de arqueólogo, –como él mesmo confesa– documenta “...as ruinas contemporáneas como unha masa sedimentaria en constante transformación, que pertence a un presente perpetuo”.

Lois Cid, na galería Monty4