Lolita Díaz Baliño. a realidade soñada

|

A Fundación Luis Seoane acolle a mostra “Lolita Diaz Baliño. A realidade soñada”, na que, felizmente, a figura da artista coruñesa é por fin rescatada da desmemoria, grazas ao minucioso traballo investigador de Rosario Sarmiento, comisaria da exposición, que se completa con un vídeo documental feito por Xurxo Lobato. Lolita Díaz (A Coruña, 1905-1963) naceu tocada polas musas e quizais por destino no seo dunha familia de creadores que deixarían unha pegada imborrable na cultura galega do século XX, especialmente o seu irmán Camilo Díaz e o fillo deste, Isaac Díaz Pardo. Camilo será quen estimule as vocacións artísticas dos seus irmáns e mui especialmente de Lolita, que se deixará arrolar, no seu comenzo como debuxante e deseñadora, pola atmosfera requintada dos anos XX, coa súa estética art nouveau, que impregnaba os gustos da ilustrada burguesía coruñesa da época.


Os primeiros debuxos e ilustracións de Lolita Díaz publicaranse nas revistas “Mariñaña” de Sada (1925) e “Céltiga” (1927), da intelectualidade galega da Arxentina , cuxas colaboracións son salientadas como exquisitas “...pola súa delicadeza e xenialidade”. O tema preferente da súa obra é o universo femenino, que reflicte, ao principio, dende a estética dos anos 20 e 30. Nos seus inicios pinta mozas que, aínda que inspiradas as veces nas mulleres do pobo, aparecen a miúdo idealizadas, como sucede coa mociña (número 21 de “Mariñana”) que é unha fermosa i elegante visión da recolledora de trigo, ou na exuberante peregrina de “Camiño de Compostela” (Céltiga, nº 87), maravilloso exemplo de finura debuxística.


Non obstante, hai pezas, como “Nai” ou “Esperando el regreso” nas que canta con sinxelo e lírico trazo o prístino ser da alma femenina de noso.. A elegancia das xóvenes da burguesía é reflectida por ela amplamente nos moitos debuxos que fixo para as revistas “Galicia” e “Galicia Gráfica”, nas que recolle, con admirable debuxo, a sofisticación de vestimentas e adubíos que impuña a moda da época. Un aspecto curioso que recolle esta mostra son os anuncios publicitarios que fixo,entre outros, para a Casa Barros, para o viño de Rioja Palacios e o malagueño Aníbal.


Dan fe de especial delicadeza cromática as acuarelas de paisaxe, pintadas con trazo solto e lixeiro de estirpe impresionista, tales como” Andeiro”,” Corredoira do demo”, “Paisaxe con palleiro” ou “El Retiro”. Retratos a sanguina, bosquexos , debuxos a grafito, decoración de porcelanas, danzarinas, fadas, flores, vestimentas do no noso folclore como as de Montañesa e Muradana, son algúns dos moitos motivos que inspiraron o seu quefacer.


E aínda hai que salientar o seu traballo de mestra na Escola de Artes e Oficios e no seu propio taller, ao que asistiron artistas de sona, entre os que están Mª Antonia Dans, Elena Gago, Mariano García Patiño e o propio I.saac Díaz Pardo..Recoñecida no seu tempo::foi a 1ª muller que entrou na Academia de Belas Artes, xunto con Carmen Corredoyra, non figura en catálogos ou museos , polo que é de xustiza esta recuperación.

Lolita Díaz Baliño. a realidade soñada