Malestar psicosocial

A comunidade científica aínda sabe pouco do funcionamento da nosa mente que produce millóns de interaccións neuronais non só para facilitar o movemento do corpo senón tamén da propia tensión diante dos estímulos exteriores ou, moito máis variábel, do propio estado de vida interior da persoa. Daquela, é ben difícil situar unha fronteira, no ámbito psicolóxico individual, do que resulta conducta normal ou a contraria, feitos que responden a concepcións conxunturais. Velaí a reiterada catalogación dun trastorno mental onde só é malestar psicosocial causado pola pandemia vírica da Covid-19.


A favor da boa intencionalidade lembremos o Experimento Rosnhan, fai medio século, polo que se enviaron a determinados centros psiquiátricos norteamericanos persoas normais e sans que, simulando alucinacións acústicas, en todos os casos foron admitidos e diagnosticadas con enfermidades psiquiátricas aínda que mostraran sempre un comportamento normal, así manifestado aos responsábeis, cousa percibida polo persoal sanitario de xeito contrario, e dicir, como manifestación da enfermidade. 


Deste xeito estiveron meses internados e medicados até que foron alertados do experimento, a xeito de trampa na que caeron. Non só iso, o autor anunciou que nos seguintes meses continuarían entrando outras persoas das mesmas características, alerta que fixo que se cualificaran como dubidosos unha cuarta parte dos ingresos, por máis que non fora enviada persoa algunha a propósito de engano para o diagnóstico. Un proceso pouco ou nada fiábel.


Por iso, o grande malestar e padecemento psicolóxico que se está a vivir no momento actual relacionado co empobrecemento de moitos sectores da poboación, o altísimo nivel de desemprego, o impedimento da mocidade á hora de emanciparse, ansiedade polo futuro, a perda de persoas vítimas do virus e das políticas sanitarias causantes na demora da vacinación ou moitos outros aspectos colaterais, son factores de risco para a saúde mental. Con todo, boa parte é causa do funcionamento do modelo de sociedade que se vén arrastrando antes da pandemia nunha etapa histórica chea de recursos tecnolóxicos que representa negocio e proveito de poucos porén deixando na estacada a millóns de persoas que deberían beneficiarse tamén se actuásemos doutra forma máis humana e xusta. Obviamente o virus crea sufrimento e malestar pero boa parte dos seus efectos amplíanse co actual modelo económico e social. O remedio non é máis medicación senón outra política social.

Malestar psicosocial

Te puede interesar