Iria Fafián, no Colexio Oficial de Médicos

|

A artista Iria Fafián ( Sitges, Barcelona, 1988) fixo estudos de Belas Artes en Pontevedra, Angouleme e Altea, de gráfica no CIEC de Betanzos e de ilustración en Barcelona. Actualmente ofrece no Colexio Oficial de Médicos a exposición “Misterio, intimidade e sospeita”, na que presenta catro caixas de luz e debuxos de variadas técnicas: gouache, grafito, tinta..., nos que, cunha linguaxe plástica novedosa e persoal, establece unha relación entre a natureza, con fortes connotacións feéricas e animistas, e o ser humán.


O entorno máis repetido é o do bosque, no que latexan ecos dos contos de fadas e das lendas populares e que pode ser ollado como un símbolo da vida; é aí, no medio dunha ramallada de toros azuis, na que aparece atrapada ou interconectada a rapaciña da obra “Sospeita”.


Tamen en comuñón fonda coa espesura boscosa de ergueitos i escuros troncos, acóchanse mozas espidas,, coma as dos dous fermosos debuxos dixitais que titula “Inner Ladscape” (Paisaxe interior), onde a luz emboscada dialoga coas sombras e achégase aos corpos nús para deixar constancia da eterna e misteriosa dualidade que configura a condición humana. Unha semellante reflexión ontolóxica podemos tirar do gouache “Paseo subconscente” que representa unha mesta fraga verde escura de altísimas árbores, pola que camiña unha rapaciña, sobre un chan vermello carmín; bosque e contraste de cores complementarias volven a atinxir valores simbólicos de espazo anímico ou das razóns do corazón (chan vermello) atrapado nos sombrizos arcanos do existir (a espesura verde).


Dos difíciles e arriscados equilibrios da existencia fala a obra “Vacío” que representa un espazo aberto á inmensidade gris , con tres toradas árbores atravesada no baleiro e, sentada no alto dunha delas, a unha muller de espaldas que contempla o infinito. En “Neve” o bosque sitúase como linde dunha ladeira nevada, pola que baixa camiñando unha rapaza e todo aparez iluminado pola nívea luz.


Iria Fafián sinte a natureza coma un organismo vivo, coma un personaxe máis e, viceversa, o ser humán está estreitamente unido con ela e formando parte dunha conciencia ecolóxica. Un ambiente de ensoñación e de misterio, no que confluen o real e o sobrenatural, expresado sobre todo polo medio da envolvente luz, preside estas obras, que denotan unha exquisita sensibilidade e unha comunión fonda co entorno natural que a inspira, pero que non trata de reproducir de xeito realista, senon que recrea en imaxes poéticas e a xeito de fábula plástica.


En canto as caixas de luz, que titula “Irusu Ville” reproducen escenarios nocturnos do delicadísimo mundo tradicional xaponés e teñen influxos da estética do ukiyo-e; luz, son e movemento interactúan co espectador, pero este fica sempre á espreita, que iso é o que significa “irusu”: simular que no se está cando alguén chama á porta; o que devén unha metáfora da relación entre arte e espectador.

Na notable traxectoria desta ilustradora hai que destacar o álbum “Brétema”, feito para o Xacobeo 2021.

Iria Fafián, no Colexio Oficial de Médicos