Eu son, porque nós somos

Ubunto é expresión compartida estendida nas linguas das tribos nativas da África subecuatorial, coa lóxica variante de cada caso, que pola difusión creada coa estratexia política impulsada por Nelson Mandela para acadar unha reconciliación efectiva na Sudáfrica que a el lle tocou gobernar, logo de ser vítima dun réxime represor e xenófobo que se cebou con violencia criminal sobre o sector da poboación negrada que el era parte militante e activista, agora este termo lingüístico forma parte dun xeito universalizado que serve, entre outras funcións para nomear á linguaxe de programación libre e de código aberto que se converteu nun sistema operativo alternativo, aos comerciais, dos máis utilizados no ámbito mundial. Na súa escolla, como marca, pesou a filosofía Ubunto como modelo ético enfocado á lealdade das persoas e á relación entre estas, ben sintetizada na consideración de que “unha persoa faise humana a través das outras persoas”.


Velaí o lema escollido para a celebración do Día Mundial do Traballo Social, facendo uso desta palabra, “Ubunto: eu son, porque nós somos”, para “fortalecer a solidariedade social e a conectividade global” no marco dunha Axenda para o Desenrolo Social integrada na programación das Nacións Unidas, co propósito de “construír xuntos unha transformación social inclusiva”.


Tempo, agora, para recoñecer que o labor dos e das traballadoras sociais durante esta emerxencia sanitaria que padecemos pola pandemia de contaxio do Covid-19 foi fundamental, independentemente do ámbito de intervención ou do colectivo co que se interveu, propiciando que a profesión fose recoñecida como esencial e, sobre todo, mantendo o compromiso adquirido coa cidadanía ao continuar coa atención. Neste contexto, é preciso lembrar que o sector residencial foi paradigmático, polo seu alto grao de afectación debido ao alto índice de contaxio da enfermidade e as situacións que estes profesionais viviron durante o último ano nos centros, vendo morrer con demasiada frecuencia ás persoas alí residentes; impotentes diante dunha situación espantosa.




Sen dúbida, as traballadoras sociais do ámbito xerontolóxico foron unha peza crave no desenvolvemento e a intervención profesional durante a crise sanitaria nos centros residenciais, situándose en primeira liña de atención, consolidándose como unha disciplina esencial e de referencia no ámbito da xerontoloxía e valorizando o labor de todas as profesionais deste sector.


Por iso, é boa ocasión, para situar a este colectivo socio-laboral entre as heroicas profesións que se mantiveron á beira das persoas usuarias de centros de día e residencias, dotándoas de humanidade para amortecer o gravísimo impacto que a pandemia tivo no ámbito da xerontoloxía.

Eu son, porque nós somos

Te puede interesar