De fios e sombras

|

Sucede nas mellores expectativas. Os estrategos deseñan e planifican con minuciosidade de orfebre cada detalle e cada paso. Dispoñen o taboleiro de xadrez e, con todo ordenado, empezan os movementos, as ameazas e os ataques. As primeiras escaramuzas semellan ir segundo o previsto no guión repartido a todos os actores e actrices participantes. A escenografía coincide e as novas ocupan os grandes titulares dos noticiarios. Pero de súpeto, algo sucede, algo non estaba no plano e o guión non contemplaba as escenas que están a suceder. Sempre pasa o mesmo. Os estrategos planifican contando coas mellores condicións de presión e temperatura. Pero sempre se lles esquece contar co factor humano. E así non hai maneira. Uns odian a outrxs; outrxs din que si por diante, pero por detrás queren diferente porque din non ter sido escoitadxs; outrxs son durmintes manexados polos fíos que, dende a sombra, manexan aqueles que realmente mandan. E claro, cando todos estes relés activan toda esta rede de circuítos, de envexas e de posicionamentos interesados, non hai guión que valga para nada. Da igual que pareza transfuguismo, soe a transfuguismo ou cheire a transfuguismo, vai a seguir adiante por que algúns en política, están para algo máis que atender a de todxs. Soñan con mellorar o deles. E fano con luz e taquígrafos, sen avergoñarse nin agochar a cabeza. Hai intereses e interesadxs. E persoas que dende as sombras moven fíos e poleas e ata grúas. E nunca lles pasa nada, eles só pasaban por alí ou se casualmente se lle descobre algunha vinculación, soltan o discurso ensaiado da honorabilidade e engaden, cun sorriso inocente, que só estaban xogando a facer sombras chinesas.


Habitas no corazón como todo o que importa –dixo El– a salvo de medos e silencios e de noites inmensas. Estás en cada latido. Sentirte, sempre será Poesía...

De fios e sombras