Do excesivo

|

Dende que o mundo é mundo, houbo persoas e grupos que abusaron da súa condición  social ou económicamente dominante, para facer e desfacer ao seu antollo. As inxustizas e os abusos non son cousa de onte para acá, senón que existiron dende os tempos máis antigos. Nese sentido non cambiou moito o mundo. 
Sofren os mesmos e poden moito os que sempre puideron moito. As manipulacións, falsedades, maledicencias e montaxes para destruir ao contrario, foron un recurso habitual dos máis poderosos, para acadar por detrás o que non podían lograr por diante. E son hoxe máis graves pola amplísima difusión que teñen as redes sociais, que converten calquera nova en dogma de fé, independentemente da súa veracidade. Pero o que está a suceder, cos ataques reiterados a un goberno para intentar tumbalo  a calquera prezo, iso ten dificil parangón na nosa historia recente. 
Unha auténtica persecución ao home, dirixida polos mesmos que romperon con todo, e amparado polo apoio imprescindible dalgúns medios con intereses en que estean uns e deixen de estar outros. Tapar a acción de goberno coma sexa é o obxectivo. Desprestixiar e  marcar a folla de ruta da acción política, é a razón última de cada titular de prensa. 
Os gobernos teñen a obriga de gobernar. De facer realidade as demandas e as aspiracións da cidadanía. Resistir e demostrar con feitos a súa honestidade política e a súa solvencia, é ao que deben adicar cada minuto do seu tempo, e cada un dos seus esforzos. O demais, é fume e espectáculo.
Aprendín a sentirte –díxolle El con dozura– da mesma maneira que a luz perfila singularmente cada sombra. A habitar contigo cada soño, cada exceso, ou cálculo esaxerado de optimismo... ás veces  as estacións só comparten, os mesmos relatorios de partidas...
 

Do excesivo