Patria, Minerva e María Teresa

O 25 de novembro do ano 1960 un infame ditador, Rafael Leónidas Trujillo, ordenou matar a estas tres irmáns, as irmáns  Mirabal. Loitadoras activas contra a a represión do réxime fascista do tamén auto proclamado xeneralísimo da República Dominicana, coincidencia. Loitaron as “Mariposas”, así as chamaban, pola liberdade dos seus, sufriron torturas, violacións e unha crúa represión, máis forte polo feito de ser mulleres.

A súa morte a golpes serviu para que o pobo dominicano tomara conciencia do que era o fascismo e supuxo o inicio do fin do réxime de Trujillo. Dende o ano 1981 este día é o elixido como o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

O mundo está en débeda coas “Mariposas” dominicanas, unha débeda que consiste en loitar para que o que lles sucedeu non volva a suceder, unha débeda que non somos quen de pagar. Cada día vemos novas relacionadas coa violencia de xénero, estamos defraudando a memoria das Mirabal, unha vergoña. E tamén a de moitas outras mulleres que loitaron en moitas partes do mundo pola xustiza, pola equidade e pola dignidade das persoas, sen diferenciación de sexo. Como as nosas compatriotas Lola, Amparo e Xulia que loitaron dende Ribadavia contra o holocausto nazi e a supremacía. 

Preocupan moito os acontecementos, como o abuso e trato ás activistas de Femen recentemente en Madrid, están as medidas legais tomadas, na defensa da dignidade? Mirar cara outro lado produce Trujillos e acontecementos irreparables para a humanidade. O 25 de novembro todas as formacións políticas fixeron actos, sacaron fotos e manifestos. Poucas lembraron o fondo social dos acontecementos da República Dominicana e pasaron de puntillas polo feito de que en Europa e tamén en España os amigos de Trujillo están a coller pulo. A radicalización de posicións políticas do PP de Casado, do partido laranxa e dos que pasean en cabalo pola chaira andaluza non permite baixar a garda nesta materia. Cómpre que o 25 de novembro teña máis forza e máis memoria histórica para lembrar que tamén no fondo a loita das mulleres é unha loita contra o fascismo e contra a supremacía.

Por todas elas, as coñecidas e as anónimas toca activar todos os medios contra a violencia que se fai ás mulleres, con forza e firmeza, para ter unha sociedade xusta e equitativa é preciso comezar por este eido.

Patria, Minerva e María Teresa

Te puede interesar