Non temos planeta B

|

Estamos ante unha emerxencia climática. Ao longo dos próximos días, en todo o mundo, colectivos sociais están a organizar actividades para concienciar á cidadanía de que non hai volta atrás, que é agora ou nunca, que non temos un planeta B. O negacionismo xa non se sostén. O cambio climático está diante dos nosos ollos en forma de terribles vagas de incendios, que se producen xa en calquera mes do ano, en todos os continentes. Nas choivas torrenciais. E nas secas en decembro, como a que vivimos en Galicia en 2017. Estamos ante un fenómeno inmenso, que ten consecuencias en todos os ámbitos e ecosistemas.

Desde as Nacións Unidas, a Plataforma Científica Intergobernamental para as Políticas sobre a Biodiversidade e os Ecosistemas (IPBES) revela nun recente informe que máis dun millón de especies están ameazadas pola actividade humana. E o Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC), tamén ligado á ONU, advirte de que unha suba de máis de 1,5 graos nas temperaturas globais será irreversible. É unha realidade que aínda podemos cambiar, pero queda pouco tempo.

Aínda así, no último Pleno do Concello da Coruña vimos, con sorpresa, como PSOE rexeitaba unha moción da Alianza pola Emerxencia Climática(formada por unhas 50 entidades como Amigos da Terra, ATTAC, CGT, Ecoloxistas en Acción, Adega, Greenpeace, Rede Ecofeminista, SEO Birdlife, USO ou WWF, entre outras), que pedía a declaración de Emerxencia Climática na nosa cidade. O único argumento para rexeitala foi que a moción non tiña un enfoque local. Pero non deixa de ser sorprendente que un goberno municipal non se sinta responsable e non sexa consciente do que pode facer contra o cambio climático. Talvez por iso logo empreguen a Semana Europea da Mobilidade para convencernos de que o coche é unha alternativa ecolóxica, convertendo o Obelisco nun concesionario. As boas palabras teñen que ir acompañadas de boas políticas. No anterior mandato así o fixemos na Coruña: asinamos un contrato para garantir que o subministro eléctrico do Concello proveña ao 100% de enerxías renovables. Fomentamos a mobilidade sostible con medidas como a peonalización da Cidade Vella, duplicamos os quilómetros de carril bici, e baixamos o billete do bus —dando como resultado case 400.000 viaxes máis nos cinco primeiros meses de 2019—. Ademais, creamos case 300 hortas urbanas, como exemplo de naturalización da cidade, alimentación próxima e mellora da calidade de vida nos barrios. Son só algúns exemplos de todo o que se fixo desde a rexeneración urbana, a mobilidade, a xestión de residuos, a expansión de zonas verdes…

Queda aínda moito por facer, sabémolo. A loita contra o cambio climático é un dos eixos do noso acordo co PSOE para os primeiros meses deste novo mandato, con medidas como a creación dun operador eléctrico municipal, a continuación das políticas de mobilidade, ou o desenvolvemento do Plan de Infraestrutura Verde e a plantación dos dous primeiros Bosques da Coruña. E hai que seguir traballando nese sentido, é urxente conseguir unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro para conter o quentamento global. A mocidade estanos a marcar o camiño, e se queremos deixarlles a Terra en boas condicións, máis nos vale escoitar. Por iso, animo a todo o mundo a participar na semana de actividades organizadas por Fridays For Future e o Movemento Galego polo Clima a vernos na concentración do próximo venres, 27 de setembro, ás oito da tarde nos xardíns de Méndez Núñez. Porque non temos un planeta B.

Non temos planeta B