Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Non é novo coñecermos que as comisións parlamentarias non valen para nada nin esclarecen asunto ningún sobre o motivo da súa convocatoria. En territorio galaico temos o exemplo daquela reunión inquisitorial montada polo bipartito sobre a Cidade da Cultura da que non se sacou nada en claro, excepto que era unha grande obra bastante cara, incluso para un momento no que sobraban euros.

A comparecencia do mandamáis da caixa do sur no Congreso no defraudou, así en plan tourada. O ilustre presidente, copresidente e doutor honoris causa sentou na cadeira e dixo que el non sabía nada de nada da antiga Caixanova ou da exinta fusionada Nocaixagalicia. Iso era o que a cidadanía quería saber. A min, por exemplo, interésame coñecer se Julio Fernández Gayoso pagou el a súa viaxe a Madrid ou foi subvencionado polo Congreso, ao igual que se aproveitou o tempo libre para vogar polo parque do Retiro ou foi visitar o museo de Cera. Son datos importantes que convén investigar ou presentar os recibos e facturas pertinentes.

Se a súa xestión á fronte da caixa unificada foi boa ou mala, non fai falla comisión de ningún tipo. Gayoso sabe como se realizou a xestión como demostrou na súa comparecencia. “Eu só pasaba por alí e había outros que tomaban as decisións. KMPG? Iso é un equipo de fútbol alemán? Preferentes? É un asento de Balaídos?”, así transcorreu o interrogatorio ao ex corresponsable da caixa. Todo fai pensar que don Julio asistiu a noite antes a un café cantante deses que abundan na capital para buscar inspiración, en vez de pasar o día da patria ou de Galicia comendo churrasco nunha carballeira.

Contan do ex ditador cubano Batista que utilizaba a máxima de que cando se bañaba en auga salpicaba moito. Recordemos que un consello de administración de calquera caixa galega tiña máis asistentes que unha xunta de accionistas dunha multinacional. De certo que saberíamos máis do funcionamento de onde se gastaban os cartos interrogando ao máis tonto dos asistentes a esas xuntanzas, que saían con bolsas cargadas de agasallos, antes que levando de avión a Gayoso a sufrir o sol mesetario que aos galegos non nos senta ben e fainos desvariar.

Ao final no vai haber grandes conclusións sobre o desastre financeiro ao que nos levaron algúns elementos, antes heroes, pero é unha catarse ver desfilar polos corredores a quen hai poucos días era un fenómeno e un deus a quen todo o mundo lle ría as súas ocorrencias e que tiña lista de espera para atender recomendacións. Isto vai ser o mellor.