Priorizarmos o eixo atlántico.

Nin é a primeira nin ha ser a derradeira vez  que se expoña a prioridade do eixo Ferrolterra/Ortegal- A Coruña-Compostela-Arousa-Pontevedra-Vigo-Porto-Lisboa-Sétubal para vertebrar o noso futuro económico. Porque a eurorexión Galicia-Norte de Portugal xunta 6 M de habitantes e algúns dos principais portos de toda a fachada atlántica europea, privilexiados hubs do tránsito marítimo entre a Canle de Panamá e a América atlántica coa Europa atlántica.

Mais as potencialidades do eixo atlántico non rematan para nós, con ser tan importantes,  no peirao de Leixoes, nas cais de Porto e Vilanova de Gaia ou no aeroporto Sá Carneiro portuense, senón que acadan os esteiros do Tejo e máis do Sado, ás áreas urbanas de Lisboa e de Sétubal, nunha conurbación de 10 M habitantes que fai parte das primeiras corenta megarexións urbanas do mundo, como ven de nos aprender o esgrevio economista galego Joám López Facal.

Velaí porque haxa que priorizar a vertebración ferroviaria deste eixo atlántico, nomeadamente o treito Porto-Vigo no canto de obras faraónicas pouco rendíbeis, como é a conexión directa da liña de alta velocidade de Vigo con Madrid, cando conectando por Compostela o atraso será só de 15’. A conexión da alta velocidade coa Meseta é un proxecto case rematado malia que non é a nosa principal prioridade, moito máis nunha nova andaina europea moito máis industrial ca turística. Mais perdamos os mínimos esforzos neste proxecto que vai funcionar moito máis en termos  de baleiramento peninsular a prol do centro radial de Madrid ca en ningunha outra chave.

Evidentemente Galicia precisa incoporar ao interior galego a esta estratexia, nomeadamente potenciando os eixos Lugo-Ourense e Lugo-Compostela, ao tempo que vai vertebrando ese grande corredor cantábrico polo que nin Madrid nin as outras autonomías do Norte semellan apostar.

O alcalde do Porto, Rui Moreira, ven de defender a conexión ferroviaria urxente Porto-Vigo, xusto unhas semanas despois da ferreña defensa desta liña que fixo o Goberno portugués fronte ao Goberno do Estado  PSOE-UP que prioriza a liña directa Lisboa-Madrid, que para nada interesa aos portugueses. Ven de defender tamén unha colaboración directa con Compostela, mesmo na vertebración aeroportuaria da eurorexión. E denuncia o illacionismo de Abel Caballero (recreante da pailá cidade-estado coruñesa de Paco Vázquez dos 80-90 do século pasado), cando Vigo habería ser a peza fulcral do mecano de colaboración galego-portuguesa.

Madrid amoreou case o 45% do investimento estatal entre 1988 e 2018 e vai camiño de baleirar todo o interior español, como xa baleirou a Meseta agás núcleos como Valladolid ou Burgos. A vacina para sobrevivirmos é priorizarmos o eixo atlántico e, canda ela, a focaxe portuaria e europeo-americana e o reactivamento industrial dende as nosas vantaxes comparativas enerxéticas, tecnolóxicas e e capital humano.

Na focaxe radial madrileñocéntrica Galicia está condenada á irrelevancia e á dependencia. Priorizando os eixos atlántico e cantábrico Galicia daralle oportunidades aos seus recursos portuarios e industriais e terá futuro de seu.  

 

Priorizarmos o eixo atlántico.

Te puede interesar