Non hai política turística

Os dados de ocupación desta ponte festiva na Galicia foron arrepíantes,con só un 30-35%. Porque a queda do turismo peninsular (pola gravísima recesión portuguesa e española) amosounos que o emperador ía espido. Galicia,a pesares dos seus evidente atractivos e do grande coñecemento acadado polo camiño xacobeo, vai sendo excluída dos grandes circuitos turísticos. E semella que todo o traballo desenvolvido dende comezos da autonomía estase a esfarelar dende 2010.

É evidente que a alternativa é captar turismo europeo e transoceánico. Mais o principal problema para traelos é a nosa incomunicación aérea. O ineficiente centralismo de AENA potenciou Madrid como grande “hub” subordinando os aeroportos galegos a pasar en moitas ocasións por aí. E, independentemente que todo o que non sexan conexións directas con Galicia son moi pouco úteis, están a desaparecer tamén as conexión indirectas vía Madrid e Barcelona.Hoxendía non é posíbel viaxar dende Barajas cara Alvedro ou Labacolla dende as 15.45.

Xa que logo, semella que a política turística ha de se integrar coa política aeroportuaria. Só coa transferencia dos aeroportos á Xunta poderanse coordinar e especializar os tres aeroportos no marco dun sistema aeroportuario galego de noso. Nese marco, poderemos ter conexións que garantan un fluxo turístico continuado. De feito, arestora é o aeroporto Saa Carneiro do Porto quén está a cumprir como porta de Galicia, como ben sabe a Asociacián de Empresarios de Hostalería compostelá. Mais tamén resulta claro que Galicia fracasa pola inexistencia de promoción real desque Carmen Pardo está á fronte do turismo galego. Fracasou a campaña de “gardame o segredo” e fracasa, en xeral, unha política que nin aproveita o tirón xacobeo nin salienta os nosos caracteres nacionais diferenzais. As provincias e os territorios sen personalidade de seu non atraen aos visitantes.

 

A ARRINCADEIRA

A crise tamén esta a mancar os sectores galegos da produción alimentaria. Velai a importancia de mercarmos produtos galegos. O Foro Peinador, incansábel axente de galeguización no ámbito da empresa galega, presenta este luns en Vigo unha campaña a prol do consumo neste Nadal de produtos galegos etiquetados en galego. Sen dúbida, un exercicio de consumo responsábel contribuira ao tempo, a prol da nosa actividade empresarial e da vitalidade da nosa lingua nacional.

Non hai política turística

Te puede interesar