POLÍTICA LIMPA E SA

Cando dicimos que as persoas están sas enténdese que se quere dicir que non padecen enfermidade preocupante algunha. Pero a expresión sa ou enferma tamén se pode aplicar ás plantas, aos animais e á mesma sociedade. A maioría dos cidadáns poden estar ben de saúde, pero a sociedade estar gravemente enferma, como parece que lle está a pasar social e politicamente a esta na que vivimos, segundo a opinión de moitos analistas e da maioría dos cidadáns. 
Non tan mal como para temer pola súa vida, pero si enferma que precisa con urxencia de atención. ¿Onde está o médico, quen é? O médico está na casa, está na mesma sociedade, está na xestión política honesta e limpa. E está na vontade firme dos cidadáns e das cidadás. Está en descubrir o valor dos votos e en acabar coa lacra da clase política que ven convivindo e tolerando a corrupción. A oportunidade de poñerlle remedio preséntase co espertar político que chegou de repente aquí nas pasadas eleccións. 
Pero a ocasión, que é unha deusa romana pintada calva, para indicar que se a deixamos pasar xa non é posible agarrala de novo, nin polos pelos. O que se deu nas pasadas eleccións en Madrid, Barcelona, Valencia e mesmo en Santiago, Coruña e Ferrol, por poñer algúns exemplos, non é a perfección, pero son uns cambios que indican o camiño a seguir. Os cidadáns teñen que entrar en política e non deixarse levar e menos aínda pasar dela. A democracia debe elixir os seus representantes, pero tamén controlalos a diario para pedírlles contas. 
Chegan tempos novos para facer política e debémolos aproveitar. É chegado o momento de poñer punto final a unha etapa que empezou coa denominada “transición” e o postfranquismo que sucedeu a aquela longa “noite de pedra” semellante a que retratara Celso E. Ferreiro. A sociedade está a recibir, coa chegada de estas novas organizacións, un baño de populismo que debería ser o baño necesario para os máis convencidos da necesidade de que chegue canto antes un cambio radical no xeito de facer política. 

POLÍTICA LIMPA E SA

Te puede interesar