MARUXIÑA

|

Cando vou a Ferrol, así a semana pasada, por mor das Xornadas Bob Dylan, sempre visito a Maruxa “a dos loros”. Maruxiña, tan boa xente, tan rufa, no seu estanco-tenda de chilindradas da rúa San Francisco. Son amigo de Maruxa desde hai ben de anos. Desde os tempos do Cuartel de Instrucción, cando tomaba no seu garito a penúltima copa (a derradeira no Gazte Leku) antes de ingresar no dormitorio aquel carente de intimidade, coa paisaxe dos guindastres ao mencer como acougo dun panorama decididamente feísta.

Daquela eu mercara onde Maruxa a estampa da Virxe do Carme, que coa foto da noiva ía no interior do lepanto. Ademais de toda caste de obxectos “naif ”, relativos ou non ao mundo do mar. Maruxa sigue hoxe ao temón do seu choio, aínda que seu home xa non estea con ela. Non importa. Maruxa é moito. E ademais ten un loro, Pepe, sucesor de aquel Bobby que un día marchara, namorado dunha gaivota (ou papado por gato, vai ti saber), que lle coida do establecemento.

Maruxa di que Pepe fala moito, A mín non me di máis que: “¡Corre!, ¡Corre!” ou “¡Calla la boca!”, de xeito pouco respectuoso para comigo. Non pasa nada. En Ferrol, eu sempre visito a Maruxa. Uns van ver ao mando, outros suben a Chamorro. Eu, onde Maruxa, no estanco da rúa San Francisco, refuxio de pecadores, que Maruxa ten un aquel de santiña e aínda de protectora. De persoas e de aves faladoras. Aínda que Pepe opte, de momento, polo silencio. Diante miña ao menos.

MARUXIÑA