AMENAZAS TUITERAS

Se Rodrigo Rato está tan ameazado que teme por el, a súa familia e demais achegados, o lóxico é que presente unha denuncia e que se poña a traballar a policía para deter aos animais que se dedican a iso e non acudir a xunta o ministro do Interior para que vele pola súa seguridade. Así que algo falla no motivo da reunión de Fernández Díaz con exvipresidente do Goberno e exmandamais de Bankia. 
Por outro lado, que recibise 400 tuits intimidatorios parécenme moi poucos dada a fertilidade das redes sociais en lanzar improperios, cando a estas alturas do seu proceso xudicial xa debería de ir por millóns, o cal da idea do escaso interese que representa Rato dentro da rede, a quen aínda se lle rende certo respecto pola súa oposición á intervención en Iraq. De seguro que o tránsfuga de Boimorto xa ten os oídos a saltar de tanta crítica que recibiu non últimos días e, até onde eu sei, non foi recibido por ninguén para laiarse da falta de comprensión polo seu cambio de partido.
Antes de que as redes sociais copasen o mercado intimidatorio, os ameazadores empregaban as pintadas en mala caligrafía. Aínda hoxe se pode ver algunha que outra por territorio autóctono contra alcaldes e outros políticos locais. Non sei se a capital do reino está decorada con Rato como trend topic, pero aquí que iso de internet é algo estraño aínda seguimos escribindo improperios con titanlux negro e a brocha, que tanto nos ten descargar a nosa ira política cun aerosol nun cruceiro ou noutra obra de arte que estea exposta na vía pública, que niso non somos reparados. Descoñezo o contido e o ton das ameazas que recibiu Rato e que provocaron o interese do ministro, pero se os nosos alcaldes queren ser recibidos por Fernández Díaz con achegar tres fotos de pintadas á solicitude de cita xa está. Ademais son sempre coa mesma palabra: fascista. Este cualificativo está presente como apelido de calquera rexedor que queira pasar á posterioridade e escrito en grandes letras e a súa asiduidade parece indicar que forma parte da toma de bastón de mando. 
Cando os nosos alcaldes non andan pedindo amparo ante o ministro do Interior e Rato, si, é que algo non marcha ben. O proceso xudicial contra o exbanqueiro xa está en marcha así que a man de Fernández Díaz non se pode notar nese ámbito, pero no caso de que houbese novas detencións ou máis rexistros do exvicepresidente o responsable das forzas de seguridade si que tería voz e voto. Non quero pensar que nesa reunión se tratase de que ía haber outra operación policial en setembro, á volta das vacacións, e que analizasen o protocolo televisivo do posible arresto.

AMENAZAS TUITERAS

Te puede interesar