O REXEMENTO DE ALCÁNTARA

O22 de xullo de 1921 en vésperas do día de Santiago varios galegos estaban destinados no rexemento de Alcántara, aquel grupo de homes que cargaron primeiro a cabalo e despois a pé contra os rifeños para protexer a retirada das tropas coloniais até o monte Arruit. Un daqueles soldados sobreviviu á acción suicida, cando xa non quedaban xinetes nin monturas e houbo que ordenar que todo o persoal se lanzase contra o mouro.  
Este galego, aprendiz de ferreiro de profesión e calzador de cabalos militares, formou con outros dez soldados de diferentes oficios baixo as ordes do sarxento Melquiades e armado cun Mauser sen munición no ombro esquerdo e un martelo na man dereita marchou a paso de manobra contra o inimigo. O seu acto heroico durou pouco, á penas uns centos de pasos, logo de partirlle os dentes a un mouro co fusil antes de recibir un tiro no peito dun paco, o nome coloquial dos rifles Remington dos mouros, que o deixou ferido de morte.
O seu uniforme de persoal auxiliar e o feito de levar un martelo de ferreiro salvárono da morte fixa, porque os mouros pensaron que era un dos que quedaron por alí, daqueles que non merecía a pena degolar nin rematar, aínda que houbo un momento en que un nativo pensou e probar o martelo na súa cabeza, pero o feito de levar unha palleta no seu peto entretivo aos indíxenas buscándolle utilidade. E así, medio agonizante, cerrou os ollos coa boca naquela terra seca imaxinando que estaba nun prado galego á espera de morrer e de ser comido polos voitres baixo un sol terrible e un calor sufocante.
A friaxe da noite espertouno e non sabía se estaba durmindo na casa ou no outro mundo, só a silueta borrosa dun ser humano cun coitelo na man volveuno á realidade de que estaba en África, nunha guerra e que se non morrera antes era porque lle tocaba agora. A forma borrosa era un mouro vello que lle ofreceu auga e axudouno a pórse en pé e camiñar até unha cabila onde sandou da ferida e recobrou forzas até que o deixaron marchar rumbo a Melilla disfrazado de bérber.
Cando chegou á praza foi posto baixo arresto por desertor, curiosamente por un capitán dos que vira fuxir do inimigo. A súa historia de ser un dos poucos sobreviventes do rexemento de Alcántara non era crible e moito menos que cargase contra os rifeños a pé e cun martelo como arma, aínda que el preferiría unha fouce, instrumento letal en mans dun galego. A casualidade fixo que a súa peripecia chegase a oídos dun oficial que o sacou do calabozo e embarcouno rumbo á península para que acabase de cumprir o servizo militar.

O REXEMENTO DE ALCÁNTARA

Te puede interesar