A que se dedica a alcaldesa da Coruña?

Fai a proba. Abre a túa rede social favorita, visita o perfil do Concello e olla o que acontece cando se publica unha foto da alcaldesa. Non falla: a cada instantánea da señora Rey, a xente responde con outra foto, ou cun gif, ou cunha emoticona, na que un flash se dispara ou alguén se fai un selfie. Hai xa algún alcume simpático ao respecto. Empeza a callar a idea de que a rexedora cultiva unha excesiva exposición aos obxectivos e que niso consiste o seu labor, polo que cobra case o dobre que o seu antecesor. Isto último é verídico. O outro, probablemente, só unha caricatura.

A querencia polas fotos non é unha doenza grave, e mesmo ten a vantaxe de indicarnos onde pasou a tarde a alcaldesa. O caso é saber que pasa cando se retiran as cámaras, e de aí a pregunta do título, que nin é retórica nin agocha un xuízo de valor. É a que debería facerse o propio goberno municipal para explicarnos por que a axenda oficial do alcalde Xulio Ferreiro era pública, e calquera podía consultala cun clic, e a da súa sucesora é un misterio. Un misterio e un paso atrás en materia de transparencia e proximidade que debería rectificarse canto antes.

A demanda cidadá é bastante máis vella e coñecemos experiencias pioneiras nalgúns concellos e nalgunhas comunidades autónomas, pero as leis de transparencia son relativamente recentes en España. A do Congreso dos Deputados aprobouse en 2013, e o Parlamento galego non lle deu luz verde á súa até tres anos despois. Para a Marea Atlántica, como para calquera que escoitase a mensaxe profunda do 15-M e acreditase na necesidade de recuperar para as institucións públicas a credibilidade perdida, a transparencia foi sempre unha prioridade máis alá da normativa.

A axenda pública do alcalde só é un exemplo dun mandato con importantes avances á hora de abrir portas e ventás. Un longo etcétera no que destacan a posta en marcha do primeiro Portal de Transparencia ou o lanzamento dunha ferramenta coa que calquera veciño ou veciña pode coñecer, de maneira sinxela e intuitiva, a que se dedica cada euro que se recada cos seus impostos. Pasos adiante que agora, dende a oposición, defenderemos á fronte da Comisión de Transparencia. Non coma quen protexe a súa herdanza, senón coma un punto de partida. Queda moito por facer.

Ninguén, agás Pedro Sánchez, quería unhas novas eleccións. As do 10 de novembro vanse celebrar nun clima de desafección e desconfianza cara á política que recorda, en parte, ao de hai case unha década. 

Cunha diferenza radical: se daquela, e grazas á mobilización masiva do 15-M, era a esquerda a que podía transformar a indignación en alternativa, hoxe é a extrema dereita machista, intolerante e xenófoba a que parasita o cansazo e alimenta unha preocupante involución democrática que ten, entre nós, dramáticos precedentes. A transparencia, isto é unha obviedade, non vai resolver a encrucillada. Pero recortala, estaremos de acordo, tampouco aclara o horizonte.

A que se dedica a alcaldesa da Coruña?

Te puede interesar