Un 8-M de Políticas Públicas

|

Dentro dunha semana, A Coruña vivirá o seu primeiro Día da Muller cunha alcaldesa elixida de forma democrática. Trátase dun feito pequeno pero importante, dun teito de cristal menos que non sinalo por ningún tipo de egocentrismo, senón polo fondo convencemento de que necesitamos feminismo, de que a cidade no século XXI non pode escreberse sen as mulleres, o que non deixa de ser un mandato histórico que vai no noso ADN, por algo teño sinalado en múltiples ocasións que somos herdeiras de María Pita e Pardo Bazán; das cigarreiras e das traballadoras do Chuac. Da mellor Coruña.
Creo nun feminismo que lidere o sentido común, nun feminismo capaz de establecer grandes alianzas e, por suposto, nun feminismo que se enfronte claramente á extrema dereita machista, insolidaria, incluso cruel.
O feminismo é tamén, e moi profundamente, servizos sociais e Educación, piares básicos do Estado do Benestar que non deben estar en mans dos que non cren neles. 
No carnaval electoral moitos poden disfrazarse do que non son, pero podo presumir de que a historia está aí para amosar algo que non ten discusión: quen puxo, pon e porá a Política Social e feminista no centro da súa acción pública foi, é e será o PSOE, así o estamos facendo na Coruña e así queremos que sexa en Galicia. Cando se recorta ou non se escoitan as necesidades dos traballadores e traballadoras do Hospital Público da Coruña, estase ignorando a maioría de mulleres que alí exercen a súa profesión de forma exemplar e cunha magnífica visión dos coidados. Porque a Política de Coidados é un dos grandes retos que temos por diante.
Cómpre evitar que a dependencia cargue sempre só sobre as costas das mulleres ou as nosas maiores queden soas. Na Coruña xa puxemos en marcha iniciativas contra a soidade indesexada e seguiremos nesta liña, na procura de resultados, porque así non só melloramos a vida de milleiros de persoas senón que tamén abrimos un campo laboral que ten que abandonar canto antes a longa situación de precariedade que sofre.
E, non me esquezo, temos que poñer as institucións públicas ao servizo do combate contra a fenda salarial, actuando sobre datos tan esmagadores como o que fixeron público hai uns días as niñas compañeiras da UGT. No seu informe, sinalaban que a diferencia entre o que se lle paga a un home e a unha muller alcanza o 22 por cento. 
É demasiado. A igualdade real non pode permitir cifras así. Nin moito menos pode asumir os terribles números das violencias de xénero. En apenas dous meses, en España xa foron asasinadas 13 mulleres. A última, unha galega de 75 anos que vivía en Fuenlabrada. Temos que rematar con isto. Con políticas sociais. Con determinación. Con feminismo.

Un 8-M de Políticas Públicas