Localidades intelixentes

se procuramos no dicionario unha definición sobre o concepto de intelixencia artificial, unha expresión que con certeza estaría mellor anunciada como intelixencia non humana, o vademecum do léxico remítenos a súa forma no substantivo feminino, eliminando de raíz o cualificativo; para que saibamos que isto é a facultade de coñecer, de comprender e de formar ideas. Aínda máis, nunha segunda acepción eleva o nivel para dicir que tamén é sinónimo desa mesma facultade nun grao elevado; e tamén suma a consideración de que por extensión é “calidade ou característica do animal que semella posuír esta facultade polo seu comportamento”. Por se ficásemos con dúbidas, unha cuarta opción defínea como a calidade da persoa que sabe como actuar segundo as circunstancias. Do antes dito, vese que na Filoloxía non cabe intelixencia fora do ser humano.
Así, resulta normal que nas proposta máis sobranceiras dos programas, compromisos e proclamas públicas que propagan as candidaturas competidoras neste proceso de eleccións locais, en fase terminal, esa moda planetaria de construír Cidades Intelixentes aquí non teña moito predicamento. Localidades obxecto de varios proxectos derivados da chamada Axenda Dixital que vai facendo ver que imos polo camiño de facer un uso público e útil das novas tecnoloxías da información e do coñecemento a favor da cidadanía na procura dunha mellor calidade de vida, unha máis grande interacción da xente co seu entorno e un aforro importante de recursos enerxéticos e do medio natural declarados no obxectivo solemne de “mellorar a eficiencia das entidades locais na prestación de servizos públicos a través das TIC e avanzar nun sistema de Cidade e Destino turístico intelixente”. E dicir, aparentar que estamos no camiño de aproveitar “unha das grandes oportunidades para desenrolar mellor os nosos servizos públicos e para impulsar a creación dun sector da economía especializado, de alto valor engadido e tecnolóxico”. 
É probábel que o complemento “intelixente” do substantivo localidade ou cidade non sexa o máis acaído se asumimos, como indica a dirección do léxico, que a intelixencia é un atributo unicamente aplicable aos humanos. Porén, alén deste termo imposto pola nomenclatura publicitaria de fácil asimilación, a procura de Concellos Eficientes debe ser unha prioridade de xestión nos gobernos e nas corporacións locais que asuman mandato nas próximas semanas. Tecnoloxía, boas prácticas e coordinación no investimento social pensado para as persoas, de xeito harmónico co medio ambiente e á busca do benestar cidadá. 

 

Localidades intelixentes

Te puede interesar