Afogar o lume devastador

|

ntre as metáforas que alertan sobre o perigo medioambiental dos incendios, con certeza resulta do máis atinado unha expresión pedagóxica común nas tribos africanas que advirte do alcance temíbel dunha acción irresponsábel: Se prendes lume a unha choza o seu incendio vai queimar todo o poboado. Cousa exportábel á catástrofe que vén de producirse nos territorios galegos do Parque Natural da Baixa Limia, no fronteirizo Parque do Xurés, no  Macizo Central ourensán e noutros lugares, deixando atrás unha inmensa demarcación de vida rural estragada e de monte inerte que tardará tempo en acadar o seu vigor ecolóxico.
Este desastre económico e social, sen paliativos, cobra máis visibilidade na súa dimensión ao saber que é a cuarta parte do conxunto de hectáreas queimadas, no que vai de ano, en todo o ámbito xeográfico español que tamén tivo outros focos ben graves. Aínda resultando un fenómeno recorrente, ano tras ano, non deixa de producir un certo desasosego ver comportamentos, entre os responsábeis políticos de artellar plans de actuación, políticas de xestión, dotación de medios e recursos para facer posible a súa desaparición, ou canto menos a súa diminución; e non estar ao pairo das dinámicas meteorolóxicas. Malia que se ten realizado unha campaña de publicidade fachendosa gabándose de dotar aos ámbitos forestais de vixilancia con tecnoloxía punteira, vehículos aéreos con e sen tripulación humana, cámaras e outros medios que ían peneirar ás zonas de especial risco de incendio, a percepción pública non pasa de ollar unha xerencia que está a facer unha inútil rogativa mística a xeito de virtual rito de danza da chuvia, agardando pola borrasca que bote auga para poñer fin ao pesadelo incendiario. Desbótase a necesidade de atallar as causas estruturais dos incendios forestais, de extremar as medidas de prevención contra os lumes, de mudar radicalmente o modelo de monte galego e de evitar o despoboamento do rural. 
Cos lumes como un dos principais problemas ambientais galegos, é preciso elevar a rango de lei as políticas estratéxicas que afronten a emerxencia climática, abordando no acordo parlamentario todos os retos que se precisan para dar resposta ás necesidades de preservación do territorio, o combate contra os incendios, a recuperación da diversidade biolóxica, a xestión completa do ciclo da auga e outros múltiples aspectos da cuestión. Toca reacción social, facer útil unha expresión simbólica da fala: Botar lume pola boca para afogar os incendios.    

Afogar o lume devastador