Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

CARA Á ECONOMÍA PARALELA

Dada a insensibilidadedo goberno de Rajoy cos seus deputados aplaudindo os recortes das prestacións aos desempregados, e actuando sempre en favor das avarentas e insolidarias oligarquías políticas e económicas ás que serve, a cidadanía, alén de tremer, debería comezar a reaxir. As condicións vitais básicas e as dos seus filhos corren perigo. Para o PP, como antes para o PSOE, as maioritarias clases medias e baixas, deben ser os únicos sectores que paguen esta crise, motivada polos excesos da banca e da clase política. Nunca porque houbese un grande e costoso Estado de benestar ao nivel dos países centrais europeos.

As medidas que se aplican non son para tentar recuperar a cifra de dinheiro que voou para os paraísos fiscais e para outros investimentos, e que se obtivo desde a época de Aznar por medio das actividades dubidosas de caixas, bancos e construtoras. Nin para perseguir a fraude fiscal dos empresarios. Nin para evitar as fuxidas dos capitais fóra das fronteiras. Tampouco para elevar os impostos ás grandes empresas e aos sicav. E menos para reducir a clase política parasitaria, situada nas deputacións, Senado... Quérese saír da crise mantendo intactos os capitais e os privilexios das oligarquías económicas, das elites políticas e da xerarquía católica, dos mesmos grupos que controlan o Estado desde o período franquista. Aínda que sexa violando os principios básicos que deron orixe ao texto constitucional. E ese golpismo económico e político é tan inxusto que a maioría social non o debería permitir de ningún xeito.

O PP sabe que nunca ganharía por maioría absoluta as eleicións xerais cun programa así, se non fose pola desinformación da cidadanía e a ocultación das medidas drásticas e antisociais que tomaría. Estamos perante un caso de fraude eleitoral, que contribúe á desafeición e á perda da credibilidade cidadá no sistema político. A vitoria de Rajoy foi legal, mais tamén ilexítima, pois, da mesma forma que Zapatero levou adiante o programa contrario ao que prometera, vulnerando o compromiso democrático e ético cos eleitores. É indignante que en pleno século XXI os líderes dos dous grandes partidos do sistema pervirtan os principios democráticos e constitucionais básicos do Estado e a vontade dos eleitores, sen que por iso sexan xulgados.

Despois de que Rajoy subise o inxusto IVA até porcentaxes insuportábeis, tendo en conta os salarios existentes, impedindo a vida digna de muitos, xenerarase como defensa unha economía paralela, de costas a ese imposto, baseada no troco e nos intercambios solidarios e incluso mercantís. Tamén sería bon contribuír ao fracaso das discriminatorias tesouradas e desta inxusta medida recaudatoria, facendo que a retiren por ineficaz. Da mesma maneira que na época de Gandhi milhóns de indianos, recolhéndoo do mar, afundiron o abusivo monopolio británico do sal.