Das equidistancias

|

Vivimos unha crispación interesada e premeditada ante a que non podemos ser inocentes. Temos posición e opinión, e debemos contribuír a calmar e a equilibrar os excesos, e a non  confundir discreción con silencio. Tan inxusto é o exceso coma o defecto. Quedarse curtos ás veces, non está relacionado coa virtude da prudencia, senón coa desafección, o pudor ou con non dar voces diferentes ás que outrxs manifestan, por temores tan sinxelos coma quedar sinalado. Pero hai algúns momentos nos que calar é incluso perigoso. 

Porque algúns interpretan o silencio da maioría, como evidencia dunha adhesión inquebrantable ao que elxs manifestan. Así incrementa a súa intensidade. E nos medios de comunicación xa é flagrante. As liñas editoriais conservadoras e ultraconservadoras, reparten estopa sempre ao goberno e a calquera cousa que poida soar a socialista. Nas tertulias de radios e televisións -ese hábitat tan particular onde só medran especies conservadoras- non perden ripio nin ocasión de atizar a siniestro continuamente. Os tertulianos de opción diferente, se os houbera, negan tres veces como San Pedro, e navegan ante os bulos, mentiras e falacias que lles lanzan. Militan na famosa equidistancia. Aquela do todxs son iguais,  todxs son impresentables ou que faltan políticos de nivel. Pensan que manterse na equidistancia failles quedar como señorxs eruditos e comedidos, puros e castos. Pero hai unha verdade única con dúas posicións. Hai quen goberna e xestiona, con moitas dificultades, unha pandemia. E hai quen non axuda, pero ataca. Non bota unha man, pero  trata de destruír ao goberno, intentando con montaxes, mentiras e crispación, tapar os logros da acción protectora das políticas de Estado. A equidistancía é unha inxusta negación da realidade. É sempre o punto máis lonxano da verdade.

Amencerte  ten a maxia das cidades durmidas –dixo El– a beleza abarloada de barcos nos peiraos ou das choivas que sementan a nostalxia. Sentirte multiplica a forza das hedras nos abrazos...

Das equidistancias