Xogo do agasallo incógnito

A coincidencia entre o interese mercantil por ampliar campo de negocio e a necesidade do colectivo humano de incorporar novos retos para evitar comportamentos monótonos, remata por producir fenómenos dignos de estudo antropolóxico. Nese campo debe incluírse esta imparábel moda das chamadas ceas de empresa, nacidas como xeito paternalista de convite forzado da parte patronal á xente traballadora, coa conta do gasto a cargo do peculio corporativo; aspecto este que mudou co pretexto da crise, e agora vai directamente ás costas dos participantes nun reparto a escote, máis ou menos rigoroso na igualdade das achegas. Porén, o asunto no fica aquí.
Resultando ser unha opción limitada a cadros de persoal máis ou menos numerosos en cantidade de efectivos, estean concentrados nun único centro de traballo ou sumando persoas dunha rede de sucursais próximas; para traballadores de pequenos negocios, autónomos e profesionais independentes é un certo xeito de exclusión que produce unha sensación deprimente, ao carecer dun grupo de referencia e relación. Peor é, aínda, a sensación que soportan, a respecto desta moda que vai soldando tradición, no impacto sobre traballadores sen emprego. Por iso, á moda da confraternidade laboral veu sumarse moitas outras maneiras, tomando a referencia de grupos de amizade, entidades asociativas, vellas relacións de algo que una e calquera outro pretexto para evitar esa impresión estar só. Consecuencia disto é a manchea de citas para comer, máis o que xurda, acumuladas nestas datas previas ao Nadal. E aínda restan as posteriores de tipo familiar.
Porén, na beira contraria á inxusta privación dos impedidos por causa da radiografía laboral, está outro aspecto que se vive entre os que poden gozar desa convivencia, se realmente pode considerarse tal cosa, entre compañeiros de traballo. Aquí, fóra de abusos puníbeis por sorte moi escasos, propicios nos momentos de evidente desfase para comportamentos racionais cando se relaxan estes como consecuencia da bebedela, está impoñéndose unha tendencia absolutamente masoquista. Opera baixo diferente formas, mais de todas elas a que lidera ese campionato de perversión é o “xogo do agasallo incógnito”, o amigo invisíbel.
Dispendio improdutivo de escasa ou nula utilidade que, para máis sarcasmo se mantemos o anonimato inherente á cuestión, non permite a devolución por non levar xustificante delator; de existir porque non é raro ver casos de reciclaxe de entre os sobrantes da casa. Negocio multimillonario que bebe do artificio psicolóxico potenciado polo consumo irracional.

Xogo do agasallo incógnito

Te puede interesar