Mobilizados pola emerxencia climática

|

Estamos diante dunha crise climática que é consecuencia directa do modelo de produción e consumo impulsado por determinadas prácticas do sistema capitalista actual. Estas prácticas depredadoras dos recursos, os territorios, os ecosistemas e mesmo as persoas, afecta de xeito máis negativo ás poboacións máis pobres e vulnerables por todo o planeta, así como ás culturas que as sustentan; todo iso co obxectivo de manter a acumulación de riqueza e o modelo produtivo baseado no crecemento continuo. Estes comportamentos lonxe de resolver problemas teñen provocado o inicio da sexta extinción masiva de especies, contaminado de plásticos os océanos, arrasado territorios con proxectos de megaminaría, contaminado ríos, desecado lagos, exterminado a biodiversidade e implantado monocultivos, entre outros efectos negativos”. Velaquí o encabezamento do manifesto que mobiliza a máis de cinco ducias de entidades e asociacións, conformando o Movemento Galego polo Clima, nun chamamento á sociedade do país para que tome conciencia da necesidade de actuar sen demora diante da emerxencia climática que se vive no planeta, sumándose deste xeito á mundial  Folga polo Clima.

No extenso documento que reforza a convocatoria de reacción cidadá, xunto aos argumentos de concienciación para realizar accións que poñan freo ao proceso acelerado de quentamento global coas súas consecuencia catastróficas, moitas da que xa se están padecendo actualmente, as entidades galegas mobilizadas polo clima, esixen dos gobernos central, galego e das institucións locais que “comecen a dicir a verdade e que asuman a emerxencia climática como un grave problema para o conxunto da sociedade, da biodiversidade e o mantemento da vida, e non como un novo nicho de oportunidades económicas ou empresariais”.

Engaden que “se declare a emerxencia climática e se elabore a correspondente lei coa participación activa das ONG e sociedade civil”. Tamén que “se tomen medidas reais e efectivas de eliminación de emisións de gases efecto invernadoiro para que as distintas administracións sexan un exemplo para o conxunto da sociedade”. Suman demandas para desenvolver políticas que impidan o incremento da temperatura media por riba de 1,5 graos; a toma de acordos e dotación orzamentaria contra a contaminación dos ecosistemas e das emisión do CO2; mudanza na política forestal e na prevención dos futuros incendios; eficacia no uso da auga, cada vez máis escasa e unha política agraria orientada á soberanía alimentaria propia e próxima. Actuar para asegurarlle un territorio habitábel ás xentes do futuro.

Mobilizados pola emerxencia climática